Despois de cruzar a ponte que atravesa as vías do tren en Guitiriz, hai que xirar á dereita e dirixirse a Mariz. Unha vez feito iso, a primeira das dúas entradas polas que se pode acceder atópase a menos de 100 metros, a man dereita.
Estacións
Durante o verán, o Boedo era o lugar de pastoreo por excelencia en Guitiriz, algo que mudaba durante o inverno e tamén nas épocas nas que abundaba a choiva. Isto debíase a que é unha zona que tende a encharcarse con facilidade, o que dificultaba moito o acceso.
Actualidade
Os prados do Boedo pertencen á comunidade de montes, que os ten arrendados. Algúns deles séguese empregando a día de hoxe para ter vacas, aínda que xa non sexa cos nenos xogando ao redor.
Parques infantís, prazas empedradas, pistas multideporte ou zonas verdes perfectamente coidadas. Son lugares onde hoxe en día xogan e se xuntan os nenos cando se queren divertir e gozar do aire libre e do bo tempo. O Boedo non ten nada diso, e tampouco o tiña hai máis de 50 anos. Aínda así, era un dos lugares preferidos para xogar da rapazada de Guitiriz daquelas épocas, e permitía combinar a diversión co traballo.
Así, vixiar as vacas mentres pacían convertíase en partidos de fútbol, xogos, anécdotas e mesmo merendas.
Luis Díaz era un deses nenos que conducía cada mañá o seu gando pola entrada da Parruleira, chamada así porque antigamente houbera nese mesmo lugar un criadeiro de parrulos, e se xuntaba co resto para argallar que actividade tocaba facer ese día para pasar o tempo.

"Aproveitabamos para divertirnos porque as vacas non escapaban e tampouco había que estar moi pendente delas, e ao ser varios sempre se nos acordaba algo para facer", explica o carpinteiro guitiricense, que admite que o pasaban "moi ben".
De entre as actividades, destacaban os xogos, como o morrete, que consistía en tirar a navalla de varias maneiras para cravala no chan, tendo o perdedor que sacar coa boca un pau que se poñía nun dos furados feitos no xogo, a billarda e os partidos de fútbol, de moita rivalidade.
"Recordo que nos traía os balóns un garda civil da Coruña que os atopaba perdidos pola cidade", apunta Luis, que comezaría aí a darlle as primeiras patadas á pelota, para despois facer do fútbol un dos seus deportes favoritos, que practicou e ve aínda hoxe.

Á parte, outros dos seus entretementos eran ir "aos niños, buscando os que tiñan ovos e colléndoos", e cazar "parrulos pequenos" que vían nas pozas.
Nesta aventura contaban con Tula, unha cadeliña de caza "dun dos rapaces que ía coas vacas á que lle gustaba correr detrás dos parrulos e collelos", algo que se lle daba "bastante ben" e que entretiña os cativos.
Co paso do tempo, e xa xubilado, Luis Díaz segue indo a miúdo polo Boedo, e o que antes eran tardes de xogos agora son mañás de paseos e de contos.