Vodas de platino de Matilde e Ángel: trece lustros cheos de amor

O matrimonio chairego celebrou coa súa familia un sentimento que naceu nunha festa e viaxou en bicicleta
Matilde Cendán e Ángel Gil (centro) celebran os seus 65 anos de casados rodeados da súa familia máis próxima. EP
photo_camera Matilde Cendán e Ángel Gil (centro) celebran os seus 65 anos de casados rodeados da súa familia máis próxima. EP

A maneira de entender o amor foi cambiando cos tempos, igual que as formas nas que alguén atopaba parella. Non son mellores nin peores, son simplemente distintas. Hoxe é moito máis fácil manter un contacto que hai décadas quizais tardaba semanas ou meses en repetirse. Tamén é máis doado facer uns desprazamentos para os que antano non había tantos medios.

Por iso, hai historias de namorados que contadas hoxe parecen case inverosímiles, pero son as que se puideron escribir pola época na que se deron, nas que a paciencia e a incerteza levábanse mellor sobrepoñéndolles a ilusión do reencontro. E traelas ao presente sempre é bonito, sobre todo se se pode facer da man dos máis queridos, tal e como fixeron dous octoxenarios chairegos do concello de Cospeito, que veñen de celebrar recentemente as súas vodas de platino en familia. Trece lustros de vida compartida.

Matilde, de 87 anos, naceu en Muimenta e viviu en Goá e Ángel, de 90 anos, é de Romariz, e coñecéronse nas festas do Santiago Apóstolo en Moncelos

Matilde Cendán Anllo, de 87 anos, é natural da localidade de Muimenta, pero con doce anos trasladouse a coidar uns tíos á parroquia próxima de Goá. Ángel Gil Gil naceu hai 90 anos en Romariz, xa no concello de Abadín. O destino quixo que se coñeceran hai preto de sete décadas nas festas do Santiago Apóstolo na parroquia abadinesa de Moncelos e, á súa vez, que tardaran en volverse ver nada máis e nada menos que doce meses.

A partir de aí, xa se fixeron mozos e unha bicicleta serviu de vínculo entre eles para que a relación saíra adiante. "Meu abuelo viña vela en bicicleta, xa que tiña un amigo na parroquia veciña e, ca desculpa, viña vela", explica Alba, unha das súas netas. 

Unha vez casados, despois de case dous anos de mozos, asentáronse en Goá e Matilde estivo sempre na casa, coidando da familia e tamén dos animais, posto que tiñan vacas. Ángel, que de pequeno "algo" aprendeu cando "argallaba cun carpinteiro", tal e como el mesmo recorda, empezou a traballar na construción do sistema para regar no poboado de colonización do Arneiro, onde estivo sete anos. Despois foi condutor de maquinaria pesada, e traballou cunha excavadora na cerámica de Roás, tamén en Cospeito, durante máis de dúas décadas, e cunha pala en Triacastela

O matrimonio chairego sopra as candeas conmemorativas. EP
O matrimonio chairego sopra as candeas conmemorativas. EP

Pero entre tanto traballo tamén houbo tempo para construír a súa propia familia. Ao ano de casarse, tiveron o seu único fillo, Tino, que tempo despois lles deu dúas netas, e estas, dous bisnetos. Con todos eles e outros familiares moi próximos, para non excederse coas emocións, festexaron os seu 65º aniversario de voda. Unha festa pequena, pero moi emotiva e sentida, na que non faltaron as flores, os brindes, a tarta, os bicos e os abrazos.

Unha vez pasada unha celebración tan especial, toca volver á rutina diaria, na que Matilde e Ángel non deixan de facerse compañía. Ela actualmente sofre dalgún problema de mobilidade, que suple cun andador, pero ten ao seu marido ao lado para darlle conversa, probablemente contando os contos que trae de cando sae de paseo e atopa algún veciño co que botar unha parrafada.

Matilde di que Ángel "ten bo corazón e é boa persoa" e el destaca da súa muller "todo o que me coidou e que é moi traballadora"

E así seguen pasando os días, igual que pasaron as máis de 23.700 xornadas que acumulan na súa andaina conxunta desde a súa voda. Se lles preguntan polo segredo para conseguir un matrimonio lonxevo, cren que está precisamente na naturalidade que encerra o paso tempo. "Foi pasando o tempo e fomos aguantando...", apunta Matilde, ao que confirma Ángel: "Eran outros tempos".

Pero ten que haber algo máis, xa que ninguén ten a outra persoa como compañeira de vida se non comparte uns valores ou non ve no outro unhas cualidades que lle complementen. 

E no caso de Matilde e Ángel téñeno claro e desfanse en afagos. Así, ela destaca que o seu marido "ten bo corazón e é boa persoa" e por poñerlle un pero asegura que conta con "pouca paciencia". Ángel manifesta rotundo que a súa muller "ten moitas cousas boas", e que entre elas están "o ben que cociña, todo o que me coidou e que é moi traballadora". E con esa admiración mutua seguirán construíndo o seu camiño común.

Comentarios