Ninguén se quixo perder este sábado a estrea no calendario da primeira Festa dos Ovos Rotos con Chourizo de Ribeiras de Lea, unha cita organizada pola asociación veciñal desta parroquia de Castro de Rei, que permitiu a base de saborosos bocados tradicionais poñer en valor o rural chairego.
Ese era o obxectivo que perseguía a entidade organizadora, que contou coa colaboración do Concello e de varias empresas da zona, e que preparou con sumo coidado e dedicación cada un dos detalles da celebración.
Á entrada ao recinto feiral, onde o alcalde, Francisco Balado, e o xornalista local Francisco Campos cortaron a cinta inaugural, instalouse un enxebre "photocall" presidido por dous bonecos con cestos cargados deses chourizos e ovos que despois se degustaron nun multitudinario xantar que logrou conquistar case 400 comensais.
"Quixemos ensinar o corazón do noso pobo, Ribeiras de Lea, e facelo ofrecendo unha comida típica que lle gusta a todo o mundo. É unha forma de despedir o verán, desfrutando da gastronomía, a música e a artesanía", explicaba minutos despois dese pistoletazo oficial Óscar Díaz, o vicepresidente da asociación, mentres o rexedor local aplaudía a iniciativa.
"É axeitada porque pon en valor o rural e os produtos tradicionais como os ovos e os chourizos, nunha zona na que sempre houbo razas autóctonas", manifestou Balado, recordando que Ribeiras de Lea ten tamén "fermosas paisaxes" e "casas e elementos con valor patrimonial importante".
Nese escenario de excepción, e agradecidos pola ampla colaboración veciñal para sacar adiante esta cita, a asociación decidiu engadirlle un atractivo máis cos postos de artesanía con produtos de todo tipo.
Ao redor do campo da festa de Ribeiras de Lea instaláronse un total de 32, chegados dende distintos recunchos de Galicia. "Hai xente de Vilanova de Arousa, da Coruña, Ourense, Lugo, Mondoñedo...", enumeraban os organizadores, que tamén quixeron que a música tivese un papel protagonista durante toda a xornada de festa coas actuacións de Nubeiro de Lugo, Batifoula, José Manuel ou Bloco Meigallo.
E para poñer en valor "a historia viva da parroquia" programouse na sesión vespertina un particular pregón no que a través das respostas ás preguntas formuladas polo xornalista Francisco Campos, catro veciños -Ofelia Fernández, Guillermina Vigo, María Castro e Manuel Regueiro- foron debullando ante as novas xeracións como eran os oficios colectivos, as festas, os xogos -algúns puideron recordalos con Xotramu- ou as comidas hai varias décadas.
Sabores, cheiros e experiencias de antano que queren manterse vivos en citas como esta, que chegou claramente para quedar.