O BNG denuncia unha "alianza" entre o PSOE e o PP para "bloquear" Muras

Os nacionalistas acusan a oposición de "incoherencia" tras votar en contra da proposta de soldos que esta demandaba
Manuel Requeijo, alcalde de Muras. CRISTINA PÉREZ
photo_camera Manuel Requeijo, alcalde de Muras. CRISTINA PÉREZ

O BNG de Muras lanzou este xoves un comunicado, tras a celebración dun pleno no que a oposición votou en contra por terceira vez das retribucións do equipo de goberno, para denunciar que "o Partido Popular e a portavoz socialista manteñen unha alianza para tratar de bloquear o Concello de Muras" e que ambos partidos "están empeñados en facer pinza" contra o goberno local, "aínda que sexa a costa de privar aos veciños do normal funcionamento do Concello e de que sexan atendidos no día a día".

Os nacionalistas criticaron tamén que, para xustificar o voto en contra das dúas dedicacións parciais, o PP e o PSOE dixeron que estarían dispostos a votar só a do alcalde, e "cando tiveron oportunidade de cumprir no mesmo pleno a súa palabra, volveron votar en contra dela". "Esta incoherencia é froito da desesperación e da inmaturidade política da oposición, que xa non sabe que facer para bloquear e desgastar o alcalde. Mais, polo benestar da veciñanza de Muras, non llelo imos permitir", afirman.

No comunicado son especialmente críticos coa edil socialista, Jennifer Gómez, que "facilitou a investidura do alcalde do BNG para despois obstaculizar por todos os medios o goberno".

O BNG acúsaa ademais de usar a política para "solucionar as frustracións persoais derivadas dun mal resultado" e de mentir. Neste sentido, afirma que lle ofreceron "en máis de cinco ocasións" entrar no goberno "elixindo a área que quixese", xa que desde esta formación, afirman, "houbo sempre disposición ao diálogo e man tendida para chegar a acordos".

O rexedor murés, Manuel Requeijo, engadiu ao respecto que "non é críbel que este alcalde, despois de oito anos de moi boa relación co PSOE, da noite para o día, cambie de opinión, e menos cando somos os maiores interesados en seguir traballando para mellorar o futuro de Muras".

"Hai intereses escuros, alleos á política que hai que explicar. Igual algunha resposta hai que buscala no concello veciño, nalgún capo ou capón de Vilalba, capaz tanto de eliminar ao anterior portavoz en Muras como de traizoar e deixar caer a súa alcaldesa", sentenciou sobre a postura socialista.

Sobre a do PP, apuntou que "son tan pobres os argumentos políticos, que non atopo resposta adecuada; despois de catro anos parece que non aprenderon nada, sen darse conta de que a verdadeira prexudicada é a veciñanza", ao tempo que pide á oposición que "explique aos veciños que teñen previsto facer nesta alianza PP-PSOE".

Comentarios