Blanca Villar: "É a primeira vez que se van facer visitas guiadas aos frescos de Labrada"

A filla do "descubridor" das pinturas e membro de Nova Poesía Guitirica será a encargada de achegar a historia aos visitantes 
branca villar
photo_camera Branca Villar. AEP

Natural de labrada, a poeta Branca Villar, integrante de Nova Poesía Guitirica (NPG), ofrecerá un novo servizo de visitas guiadas para dar a coñecer os frescos da igrexa.

Como xorde esta iniciativa?

A través dunha conversa co cura, Luis Ángel Rodríguez Patiño, e por un interese común polo patrimonio cultural. A historia dos frescos é unha historia que coñezo ben porque meu pai foi o descubridor nos anos 90. Estaba aburrido e nunha homilía longa púxose a rascar a parede cunha chave do coche e apareceu un pequeno tesouro.

Os frescos... Que destacaría?

Son moi particulares, enmarcados en cenefas. Crese que son de mediados do século XVI e son moi raros. Quizais un dos máis particulares é o do inferno, representado nun pote cos sete pecados capitais.

Pediuse en moitas ocasións a súa restauración.

Fíxose unha hai anos pero deberíase facer outra máis a fondo. A humidade afecta moito e cremos que podería haber máis dos que se ven hoxe.

O servizo de visitas aínda non comezou. Como se farán?

Son visitas guiadas para as que hai que concertar cita. É a primeira vez que se vai facer algo así e se funciona poderíase ampliar a outros puntos da zona. Os interesados deben chamarme ao número 622.55.47.73 para fixar día e hora.

Canto durarán?

O tempo iremos vendo. Haberá primeiro unha aproximación histórica á zona para entrar en contexto. Por tema covid deberán ser grupos reducidos e haberá que cumprir todas as medidas. Pero creo que é unha visita moi interesante.

Son gratuítas as visitas?

En principio ímolas facer sen cobrar, sería o que a visita nos quixese dar. Temos que probar como funciona e logo ao mellor buscar algún tipo de acordo co Concello.

Son dirixidas a veciños ou máis para xente de fóra?

É unha visita para todo o mundo e todos son benvidos. Tampouco hai problema se hai que traducir ao inglés.

Comentarios