Billete virtual para o mundial

Tres bailarinas da Escola de Movemento de Vilalba defenderán online as súas coreografías solistas na fase clasificatoria da Dance World Cup, competición que foi modificada polo coronavirus

A participación na fase clasificatoria da Dance World Cup era xa un clásico para as alumnas da Escola de Movemento de Vilalba. A ilusión por acadar unha praza na ansiada final, un obxectivo conquerido con éxito en máis dunha ocasión, e o traballo constante ao longo de varios meses para dar o mellor de si sobre o escenario víronse truncados este ano pola crise sanitaria mundial.

Tanto o clasificatorio de Burgos, que ía ser en abril, coma o mundial de Roma, que daría comezo o día 26, tiveron que suspenderse. Mais a organización non quixo dar todo por perdido, tendo en conta que só na fase inicial se poden presentar máis de 2.000 coreografías, e buscou unha alternativa para manter vivo o espírito da cita. Así propúxoselles a todas as escolas inscritas a posibilidade de participar online, aínda que só con coreografías individuais.

"Ao xurdir esta opción do clasificatorio online que abre as portas ao mundial, decidimos ofrecerlla ás nosas alumnas e alumnos", explica Noelia Blanco, responsable da Escola de Movemento. Finalmente foron tres as bailarinas que se animaron, dado que terían que partir de cero, xa que previamente non tiñan nada preparado, ao ser grupais todas as coreografías nas que estaban a traballar antes do confinamento.

Olivia Luque, de cinco anos; Mariña Esmorís, de dez, e Irene Sande, de once, son as tres "valentes" que xa están a ensaiar a coreografía que terán que defender, dende a súa casa, na fase clasificatoria, fixada do 7 ao 9 de xullo. "Para que todo saia ben o 1 de xullo farán un ensaio coa organización", adianta Noelia, que precisa que se revisará que o son e a imaxe teñan a suficiente calidade "para que o xurado poida valorar a súa actuación".

Olivia defenderá a coreografía Mi loco coronavirus, na modalidade de Jazz Dance, a mesma na que participará Mariña con It's a dream, mentres que Irene apostou polo Comercial Dance ao son de Hundred miles.


A puntuación que reciban por parte do xurado determinará se, ademais de acadar unha das mencións reservadas para os dez primeiros postos, se clasifican para o mundial, para o que terán que subir ao podio. Se o conseguen, a proba final, fixada do 14 ao 22 de agosto, tamén será online.

Comentarios