A unha billarda e seis paláns da gloria

Castiñeiro Milenario, Carabullo e Chaínzos-Cadaval son os equipos chairegos que compiten esta tempada na Conferencia Norleste da liga
Participantes no I Aberto do Castiñeiro. C.PÉREZ
photo_camera Participantes no I Aberto do Castiñeiro. C.PÉREZ

Seis paláns. Esa é a medida oficial do obxectivo que calquera persoa que xogue á billarda ten no seu punto de mira. Ese é o ancho do varal. Esa sorte de portería situada a 50 metros de distancia á que hai que chegar con cantos menos golpes do palán á billarda se poida. Menos é máis. E o máis son cinco puntos por carreira das cinco que se disputan. Acadar eses 25 puntos ao final dun aberto é a aspiración. E a recompensa non ten prezo. Para os que fan esas desexadas cinco carreiras perfectas e tamén para os que acaban últimos da táboa, o mellor premio é pasalo ben, moi ben, coa familia billardeira.

O palán é o pau co que lle hai que dar á billarda, primeiro para erguela do chan e logo para golpeala voando e desprazala cara ao varal. Un palán mide 60 centímetros, e o varal debe ter seis veces o seu ancho: 6x60, 360 centímetros de portería para probar puntería.

Os catro campos de xogo. DANIELA GÓMEZ
Os catro campos de xogo. DANIELA GÓMEZ

Cada palanador (xogador) ten todas as oportunidades que sexa necesario —se se acada á primeira, conséguese un varado— para atinar, pero se outro chega antes —se é na mesma quenda, puntúase o mesmo—, os puntos vanse restando un a un, de cinco a cero.

E todas as esperanzas e as miradas están postas nese pequeno pau de madeira de entre 18 e 25 centímetros de longo e tres de diámetro, a billarda. A que lle dá nome a un xogo ancestral que neste século XXI rexurdiu con forza, ata o punto de que a Xunta vén de impulsar unha federación, conxuntamente con outra competición deportiva tradicional, a chave.

Coñecendo estas pequenas claves do xogo, e mesmo sen dominalas, unha persoa xa está lista para xogar á billarda. Ou á estornela, como lembra Juan, veciño de Lugo, que lle chamaba a aquel xogo que tan bos recordos de infancia lle traía e co que volvía conectar este verán no Festival 27373 de Begonte. 

"Son natural das Rías Baixas e alí chamabámoslle rebolo, estornela... cando o vin pensei, este é o meu xogo! Probei e aquel día fun pletórico para a casa, rebaixei 50 anos", conta Juan quen, apenas unhas semanas despois daquel reencontro cun amor de infancia, se converteu, aos seus 72 anos, no xogador máis veterano —o máis novo, Jose, ten 20— de Castiñeiro Milenario de Begonte, o último equipo en sumarse á Conferencia Norleste da Liga Nacional de Billarda (LNB) .

Un momento da competición disputada en Pacios. C.PÉREZ
Un momento da competición disputada en Pacios. C.PÉREZ

E non está só nesta aventura, pois a súa muller, Nedi, a razón que o levou ao festival, pois ela toca na Foliada de Bosende, ía con el ás competicións e agora tamén xoga. "Empecei hai un mes, en Mondoñedo, acompañábao a el e por non estar mirando, probei... eu nunca xogara, pero é entretido, ves moita diversidade, nenos, homes, mulleres... e non é un deporte moi esixente, aínda que si que necesitas concentración", conta Nedi das súas primeiras impresións co palán na man.

O aberto do 27373 —hai probas nos festivais de Xotramu, A Chaira ou Pardiñas— foi tamén o punto de contacto coa billarda para outra das xogadoras de Castiñeiro, Juncal: "Estou contentísima de estar aquí, encántame este deporte e o ambiente que hai", explica mentres se dispón a tentar golpear a billarda ataviada co laranxa identificativo do seu equipo, constituído oficialmente en 2019 e que esta fin de semana superou un novo fito, ao ser por primeira vez o anfitrión dunha proba, o I Aberto do Castiñeiro, disputado no campo de fútbol da parroquia de Pacios.  

Os tres equipos chairegos. C.PÉREZ
Os tres equipos chairegos. C.PÉREZ

"Estamos orgullosísimos de facelo e esperamos seguir", indica Carlos, outro dos dez integrantes  do equipo de Castiñeiro, que agradece a colaboración desinteresada da comunidade de montes de Pacios, titular das instalacións.

Boa parte da culpa da existencia deste equipo téñena outro dos equipos chairegos, Carabullo da Ponte de Outeiro (Castro de Rei), e integrantes deste como Ismael, practicante dende 2008, dende que lle oíra falar da billarda na radio a Xermán Viluba, o iniciador de todo, e a Xurxo Souto. "Eran os meus referentes do bravú, así que pensei, eu quero xogar a iso, busquei información e fun", conta quen tamén foi a principal razón para que a súa compañeira de equipo, Irea, collese un palán. 

"Debía de ter uns dez anos campo empecei por culpa de Ismael e enganchoume, porque gañaras ou perderas, déraslle ou non lle deras, sentíaste parte do xogo, somos todos unha pequena familia", di unha moza que aos seus 20 anos xa é un referente no equipo e a ‘reclutadora’ oficial —acaba de sumar a Xián, de sete anos— dun conxunto formado por 13 xogadores, que destaca pola súa xuventude —o maior, Albino, ronda os 50— e que pode presumir de ter rachado co histórico dominio dos equipos da Mariña. Carabullo non só é o actual líder da xeral con 537 puntos, senón que defende título. É o vixente campión da liga, segundo se acordou ao ser o que ía en cabeza cando tivo que supenderse pola pandemia a última tempada, a 2019/2020, a falta das últimas probas.

A tripla chairega complétaa Chaínzos-Cadaval, fusión de dous equipos previos de Castro de Rei e da Pastoriza e que suma máis dunha vintena de xogadores que van dende os nove e dez anos de Miguel e de Iker, as novas promesas que garanten o futuro do deporte, ata as máis de 70 primaveras de veteranos coma Luis ou Mario.

"Xa xogabamos aos bolos e pasámonos á billarda antes incluso de que houbese liga" contan Kiko, de Muimenta, e Pepe, de Meira,  dous veteranos palanadores que gozan ante todo coa "camaradería" que se respira en cada aberto e das posibilidades que estes ofrecen "de coñecer xente".

Chaínzos-Cadaval é ademais o primeiro equipo da zona, xunto cos mariñaos Billardeiros Musicais, que apostou por federarse.  

O I Aberto do Castiñeiro contou con máis de 70 participantes 
O I Aberto do Castiñeiro contou con 71 xogadores dos tres equipos chairegos e de Billardeiros Musicais (Ribadeo), Troitas Bravas (A Pontenova), Remourelle Bulls (Barreiros), Billarda Verde (Castroverde), Madia Leva (Lugo), todos da liga da Conferencia Norleste, e de Campo da Feira (Paiosaco, A Laracha). 
Gañadores do I Aberto de Billarda do Castiñeiro. C.PÉREZ
Gañadores do I Aberto de Billarda do Castiñeiro. C.PÉREZ
Vitoria para Daniel
Ao podio individual, recompensado con castiñeiros para plantar e cestas de produtos, subiron Daniel, de Billardeiros, con 23 puntos; o pastoricense Regueiro, de Troitas Bravas, con 22 —líder da xeral—; e Basilio, tamén de Billardeiros, con 21. Por equipos —suman as puntuacións dos catro mellores— impúxose Troitas Bravas e na clasificación feminina dominaron Irea, de Carabullo, e Geni e Aroa, de Billardeiros. Esta última foi tamén bronce no podio infantil, liderado por Diego e Mateo, de Madia Leva. 
Dez probas e finais
A liga ten este ano dez probas. A de Begonte foi a sétima, precedida das de Castroverde, A Pontenova, Lugo, Ribadeo, Mondoñedo e San Miguel. En abril será a da Ponte de Outeiro, en maio a de Remourelle e está pendente a de Castro, sen definir a data ou onde se disputará finalmente. Despois celebraranse as finais de billarda das tres conferencias (Norleste, Noroeste e Sur), que adoitan ser en Santiago.