sábado. 28.03.2020 |
El tiempo
sábado. 28.03.2020
El tiempo

Minerva Varela, berros de revolución

Minerva Varela. EP
Minerva Varela. EP

A escritora guitiricense vén de publicar a súa primeira novela Frágiles recuerdos, coa que se estrea na narrativa, aínda que escribe poesía dende pequena

Unha viaxe a Normandía e á Bretaña francesa serviulle de inspiración para comezar a escribir a súa primeira novela. Tras uns catro anos de xestación, Minerva Varela sacou á luz Frágiles recuerdos.

Ediciones Camelot foi a editorial escollida, grazas a recomendación dun amigo, para probar sorte enviando o borrador da súa novela: "Mandei a novela o 2 de novembro do pasado ano e o 9 xa recibín a súa resposta", di. E así comezou o proceso.

"É unha novela romántica, mais intentei fuxir das tramas habituais. Neste xénero, en moitos casos, hai unha carga machista moi importante polo que vía necesario contar unha historia de amor fuxindo de estereotipos sexistas". A autora plantexou unha liñas dentro da trama coas cales, ademais de afastarse dos tópicos románticos, tratar temas pouco visibilizados. "É necesario ir eliminando os temas tabú», comenta. Ademais da trama e das personaxes, a paisaxe ten un gran peso na súa obra: «Son un pouco realista naturalista nese aspecto".

Vía necesario contar unha historia de amor fuxindo de estereotipos sexistas

"Foi unha aprendizaxe en todos os aspectos" e ségueo sendo. Agora ten por diante varias presentacións, entre elas, unha na súa vila natal, Guitiriz, que se fará antes da fin do verán.

Minerva forma parte tamén do grupo de artistas Ars Lucensis cos que fai recitais pola provincia. Foi nestes espazos onde atopou un lugar no que expresarse e no que compartir co mundo os seus escritos.

A pesar de estrearse publicando narrativa, a poesía sempre formou parte dela, sendo o seu particular "berro de revolución". No seu proceso creativo non hai nada máis aló que o desfogamento da que ten algo que contar. Nos seus escritos non só fala de si mesma, senón de todo o que a transporta a outros lugares, lle evoca algo ou de todo o que, en definitiva, lle fai remover algo por dentro.

Entre os seus referentes están Bécquer, Rosalía de Castro, Miguel Hernández ou Clara Campoamor, mais foi o primeiro o que tivo un gran peso nela para comezar a escribir.

E no futuro non desbota publicar os seus poemas ou outra novela, mais polo de agora, hai que deixar que Frágiles recuerdos voe todo o alto que poida. 

Minerva Varela, berros de revolución
Comentarios