Bermúdez Tellado: "O libro nace da necesidade de expresar o que vivo, o que sinto"

Fillo adoptivo de Pol, primeiro por decisión paterna e logo propia, Xesús Bermúdez Tellado vén de publicar o seu segundo poemario, un conxunto de versos que falan de realidades vividas cunha linguaxe próxima, o que axuda a que os lectores se identifiquen cos seus versos. ‘O silencio dos teus ollos’ chega tralo debut literario, en 2012, con ‘Viaxe sen cancelas’
Xesús Bermúdez Tellado, xunto ao Muíño do Pacio de Pol. C.PÉREZ
photo_camera Xesús Bermúdez Tellado, xunto ao Muíño do Pacio de Pol. C.PÉREZ

Licenciado en Filoloxía Galego-portuguesa, Xesús Bermúdez Tellado traballa nunha empresa de dobraxe en Santiago e vive en Ames, mais sempre que pode escapa ao lugar que conquistou o seu corazón cando non era máis ca un neno, Pol. As experiencias vividas nuns e noutros lugares inspírano á hora de escribir na linguaxe na que se sente máis cómodo para darlle saída aos seus sentimentos, a poesía. 

Como nace O silencio dos teus ollos?

O libro nace, como todo o que escribo, da miña experiencia vital, da necesidade de expresar o que vivo e o que sinto. Por iso, ao principio, era unha mestura desordenada de poemas que tiven que agrupar dalgún xeito e que deron lugar ás cinco partes en que se divide a obra. 

Que vai atopar o lector na obra?

Sobre todo moita verdade. Como se di na contraportada, detrás de cada poema hai un cacho de realidade. E penso que o xeito de expresalo, malia ser poesía, é moi accesible para calquera persoa que se achegue á súa lectura. 

Optou de novo pola autoedición, a que se debe? Merece a pena ese esforzo?

Optei pola autoedición porque non recibín resposta positiva de ningunha editorial. Cando tes gana de transmitir, de compartir as túas vivencias, sempre paga a pena o esforzo, que esencialmente é económico, da autoedición. 

Cando tes gana de transmitir, de compartir as túas vivencias, sempre paga a pena o esforzo, que esencialmente é económico, da autoedición

Onde se pode adquirir?

Como neste caso a editorial non se encarga de distribuír os exemplares, funos despositando en distintos puntos de venda. En Mosteiro, pódese adquirir no bar Abuíde, en Becerreá na Libraría de Chus e en Santiago de Compostela na librería Couceiro. Tamén se me pode pedir directamente a min a través das redes sociais ou nun enderezo electrónico creado a propósito: [email protected].

Ten previsto facer presentacións da obra?

De momento, está planeado facer unha na Asociación Cultural Follas Vivas-Lois Antón de Casardeita no concello de Ramirás en Ourense, unha entidade á que me sinto moi unido por moitas razóns e que sempre me tratou con moito cariño. 

Que feedback está a recibir?

O máis satisfactorio é ver que a xente se sente identificada co que le, porque atopa sentimentos universais que pode vivir calquera persoa. Todos nos cuestionamos acerca do amor, o tempo, a morte... Todos temos os nosos mitos, as nosas paixóns... Ademais, creo que a linguaxe non resulta complicada para ninguén, o que facilita a súa lectura. 

Debutaba no mundo literario con Viaxe sen cancelas, segue a ter percorrido esta obra?

Actualmente, só é posible adquirila a través de min. De todos os xeitos, no seu momento chegou a moita xente e por distintos medios. Aínda así, se alguén a quere, aínda se pode facer con ela. 

O máis satisfactorio é ver que a xente se sente identificada co que le, porque atopa sentimentos universais que pode vivir calquera persoa

Este novo poemario, é unha ruptura ou unha continuidade do anterior?

O que está claro é que as persoas estamos en constante cambio, polo tanto eu xa non son o mesmo que escribiu os poemas de Viaxe sen cancelas. O que si manteño son os elementos esenciais da miña poesía, que creo que son a sinxeleza e a musicalidade. Non concibo que un poema non teña ritmo. Poida que non teña rima, pero o ritmo é imprescindible para min. 

Leva dous poemarios, séntese tentado por outros xéneros literarios?

Sendo totalmente sincero, só me vería escribindo relatos curtos. Creo que non sería capaz de abordar outros xéneros coma a novela ou o teatro, porque me parecen moi complicados. 

Nesta segunda obra volveu apostar polo galego para escribir, hai unha razón?

O galego é a miña lingua propia, aquela en que me sinto máis cómodo. Véxome perfectamente capacitado para escribir en castelán, pero quero que a miña poesía tamén teña un toque reivindicativo, que neste caso está centrado na utilización dun idioma concreto. 

Os galegos temos que estar orgullosos de ter unha lingua propia, chea de prestixio, un vehículo de comunicación con millóns de persoas

Estudou filoloxía galego-portuguesa e traballa como lingüista, como ve a situación do galego?

Creo que é evidente que o galego non está no seu mellor momento, porque, mesmo desexando que estea ao mesmo nivel ca o castelán, segue sufrindo unha situación diglósica. E como exemplo práctico, aínda me sorprende atopar a pais galegofalantes que seguen educando aos fillos en castelán. Cando hai xente de Galicia que non valora a propia lingua, mal imos. 

Ten dito que ter un idioma é un tesouro, que sería necesario facer para mantelo vivo?

Creo que o máis importante é amalo, falalo, usalo sempre, darlle todo o valor que ten. Os galegos temos que estar orgullosos de ter unha lingua propia, chea de prestixio, un vehículo de comunicación con millóns de persoas. Todas as linguas son dignas de respecto e o galego non é menos, por iso temos que apoiala con todas as forzas. 

Dedícase á dobraxe, que criterios hai que seguir para non perder a esencia do contido?

A dobraxe é esencialmente un exercicio de imitación do orixinal, tendo en conta, evidentemente, as características propias da lingua coa que se traballa. O fin que se persegue é a verosimilitude, e creo que en Galicia estase facendo cada vez mellor, tanto cando dobramos en galego coma en castelán.

De preto: "Tecer é unha das miñas paixóns"
Naceu en Betanzos, traballa en Santiago e ten un fogar en Pol, de onde se sente?
O meu paraíso é Pol, o lugar ao que sempre quero volver. Tampouco me podo esquecer de Becerreá, onde vivín 23 anos, e que viu pasar a miña nenez e a miña xuventude. 
Un escritor?
Como estamos falando de poesía, vou escoller dous poetas: o mestre Darío Xohán Cabana e o meu querido Modesto Fraga.
Unha obra literaria que o marcase especialmente?
Patria do mar, de Darío Xohán Cabana. Está chea de sonetos, un tipo de composición que me fascina.
Un verso?
Que difícil! Véñenme á cabeza estes tres de Pablo Neruda: "Quítame el pan, si quieres,/quítame el aire, pero/no me quites tu risa".
Un idioma?
Como filólogo, ámoos a todos, pero escollo o galego. 
Unha viaxe?
A que fixen hai 30 anos a Polonia. 
Unha película ou serie?
Rompiendo las olas, de Lars von Trier. 
Versión orixinal ou dobrada?
Creo que no caso do galego a dobraxe fixo un labor enorme de normalización que axudou a que valorásemos a nosa lingua, absolutamente válida para calquera expresión artística. 
Unha fonte de inspiración?
A vida. Como xa dixen, o que escribo é o que vivo. 
Un lugar para escapar?
Mosteiro, no concello de Pol. 
Se tivese a opción simplemente desexándoo, a que lle gustaría dedicarse?
A calquera cousa relacionada co tecido. Tecer é unha das miñas paixóns. 

Comentarios