Benvida a golpe de frechas

O club de tiro con arco da localidade estreou o seu primeiro evento, o I Trofeo Concello de Guitiriz, tras anos téndoo en mente
O Club de Tiro con Arco Guitiriz, cos trofeos conseguidos no torneo. JUAN LUIS TOMÉ
photo_camera O Club de Tiro con Arco Guitiriz, cos trofeos conseguidos no torneo. JUAN LUIS TOMÉ

Un deporte minoritario que gana adeptos e fama en España polo gran rendemento dos arqueiros a nivel nacional e internacional, e que cada vez crece máis e máis grazas ás iniciativas de promoción que teñen os numerosos clubs que practican e difunden o tiro con arco

Esta realidade tamén se atribúe a Galicia e á Terra Chá, onde cada vez máis xente colle o arco por primeira vez para, como mínimo, probar, e en moitas ocasións, descubrir unha nova paixón e loitar por chegar lonxe, como dous exemplos achegados, que son os ponteses Miguel Alvariño e Dani Castro.

E o Club de Tiro con Arco Guitiriz é un moi bo exemplo desta loita por visibilizar e promover a disciplina, algo que fan os seus arredor de 20 integrantes, que desfrutan semana a semana do arco. E non só eles, senón tamén todas as persoas que acollen para probar, e que poden asistir a un adestramento e coñecer dende dentro como é a disciplina da entidade.

Agora, o equipo de Guitiriz deu un gran paso coa celebración do primeiro torneo de tiro con arco que se organiza no municipio (houbo outros dous polo San Xoán, pero eran máis familiares, por invitación), o I Trofeo Concello de Guitiriz, que organizan xunto coa asociación deportiva Arqueiros do Adarve, de Carral.

O evento, que acolleu a participantes de equipos de toda Galicia, e sobre todo das provincias de Lugo e A Coruña, contou con un total de 80 arqueiros, e disputouse na modalidade de sala, no pavillón municipal Jonathan Carro Paz.

Os deportistas lanzaron 36 frechas en doce rounds de dous minutos, tirando tres en cada un, por quendas, ata rematar todos, a dianas situadas a unha distancia de 18 metros. O formato de competición escollido foi o de clasificación única, sen eliminatoria, polo cal se fixo unha táboa segundo os puntos acadados.

O equipo chairego acadou bos resultados no torneo. Na categoría infantil, Yago e Hugo Rodríguez facíanse con dous primeiros postos no masculino, e Danny García quedaba sexto. No feminino, Lorena Gómez foi segunda e Nora Gómez, cuarta. En novel, Secundino Díaz foi terceiro e Mónica Roca, novena. Xa en sénior, Mercedes Vázquez e Gonzalo Miragaya foron primeiros, Lara Díaz cuarta e Santiago Castro rematou de noveno.

Coa celebración deste torneo, o Club de Tiro con Arco Guitiriz probouse ademais como organizador, para así poder ter referencias e organizar máis "eventos que temos en mente, pero que tampouco saíron adiante", explica o presidente, Santiago Castro. E é que este I Trofeo Concello de Guitiriz levaba na cabeza dos integrantes do equipo xa varios anos, pero "entre unha cousa e outra", fórase aprazando ata que finalmente se puido celebrar.

Tempada de sala

A tempada de sala xa rematou, e deixou bos resultados no club guitiricense. No Trofeo Concello de Laracha, Nora foi primeira en infantil, e Lorena segunda, mentres que Mercedes foi terceira en sénior. Tamén se facía co segundo posto no torneo de Teo, onde Danny acadaba o terceiro en infantil. Ademais, Castro acadou a vitoria no Trofeo Federación Luis Vera Moreno de sala. 

Aire libre
Dous torneos no punto de mira
Co remate da tempada de sala, o obxectivo do club guitiricense pasa por facer un bo papel nos torneos oficiais.
Campionatos
O Galego, que se celebra os días 3 e 4 de xuño en Pontevedra, e o Trofeo Federación Luis Vera Moreno, son os dous oficiais. A eles irán, en representación do club, Santiago Castro e Gonzalo Miragaya, que tentarán subirse ao podio.

Comentarios