viernes. 25.06.2021 |
El tiempo
viernes. 25.06.2021
El tiempo

Bens que resisten, outros que nin existen

Torre de Caldaloba, en Cospeito, sobre a que xurdiron diferentes iniciativas os últimos anos para a súa rehabilitación e posta en valor. C.PÉREZ
Torre de Caldaloba, en Cospeito, sobre a que xurdiron diferentes iniciativas os últimos anos para a súa rehabilitación e posta en valor. C.PÉREZ
Dos 17 BIC que figuran no rexistro de Patrimonio nas comarcas da Terra Chá e de Meira e na localidade das Pontes consérvanse en pé oito, o resto son torres e castelos só visibles no papel

A comarca da Terra Chá e a de Meira e a localidade das Pontes contan cun amplo patrimonio. Isto refléxase no inventario de Bens de Interese Cultural (BIC) da Xunta de Galicia, no que figuran un total de 17 elementos. Pero só se conservan en pé oito, os restantes son torres ou castelos só visibles no papel. Moitos deles non existían nin cando recibiron o recoñecemento en 1949, a través dun decreto que establecía que «todos los castillos de España, cualquiera que sea su estado de ruina» quedaban baixo a protección do Estado.

Nese listado de bens pantasma están o Castelo de Castromaior, en Abadín, do que sobrevive un promontorio rochoso; a Torre de Camarasa, en Begonte, que formaba parte dunha antiga fortaleza que foi destruída por un incendio nas revoltas Irmandiñas; a Torre de Seivane, en Castro de Rei, da que se conserva un escudo heráldico do século XVI nunha vivenda no mesmo solar; a Torre de Momán, en Cospeito, que tamén puido ser arrasada polos Irmandiños; a Torre de Muras e a de San Xoán, ambas na mesma localidade, da que non hai rastro; a Torre de Codesido, en Vilalba, derrubada a mediados do século XX; a Torre de Roupar, en Xermade, destruída durante a revolución do comandante Riego, e o Castelo de García Rodríguez, que se ubicaba no barrio da Vila e do que non hai vestixio algún.

A Xunta comprometeuse a poñer en valor a Torre de Caldaloba e o Concello fará obras na contorna do Castelo de Parga, en Guitiriz

No outro extremo sitúanse o mosteiro de Santa María de Meira —monumento histórico artístico dende 1931 e tamén ben de interese o seu contorno, dende 1996—, o conxunto histórico da vila de Castro de Rei —recoñecida paraxe pintoresca dende 1971—, ou o Castelo dos Andrade de Vilalba —tamén declarado BIC no ano 1949—.

En 2009, foi recoñecido o xacemento do Castro de Viladonga e, dous anos despois, dúas zonas arqueolóxicas vilalbesas: a Roza das Modias e a Pedra Chantada.

A estes bens que resisten súmanse a Torre de Caldaloba, en Cospeito, para a que a Xunta anunciou unha partida orzamentaria para a súa posta en valor —tamén naceron outras iniciativas como un certame literario que busca impulsar este monumento— ou o Castelo de Parga, en Guitiriz, cuxa contorna será rehabilitada polo Concello para darlle pulo a un emblema enclavado no Camiño.

Bens que resisten, outros que nin existen
Comentarios