Benedicta Bello, condeada a reclusión perpetua en 1937, lembrada na Pastoriza

O seu marido foi condeado a 20 anos polo mismo delito
AppleMark
photo_camera Benedicta Bello

"Fallamos que debemos condenar y condenamos a la procesada, María Benedicta Bello Pernas, a la pena de reclusión perpetua (...) y al procesado, Manuel Ferreiro Lamas, a la pena de veinte años de reclusión temporal".

Mesmo escenario, semellantes culpas e diferentes castigos. É o calvario que lle tocou vivir ao matrimonio formado por Benedicta Bello e Manuel Ferreiro que, cando corría o ano 1937 en Bretoña (A Pastoriza), foron acusados de "rebelión militar", tal e como recolle a súa sentencia, gardada no Arquivo Militar de Ferrol.

A historia de Benedicta, nada en Candia (Abadín) en 1908, foi escollida polo Concello da Pastoriza para pór en valor o papel das veciñas do municipio con motivo do Día da Muller. O seu caso ben seguro que non foi o único, pero non por iso deixa de ser especial.

AppleMarkA situación remóntase a anos convulsos, cando o matrimonio se viu obrigado a abandonar Mondoñedo para trasladarse a Bretoña, onde levantaron unha xastrería, oficio que desempeñaba Manuel. Xa na parroquia pastoricense, foron acusados de ser de "izquierdas" e de "mala conducta moral pública y privada", aínda que non se sinalan "hechos concretos en contra del Glorioso Movimiento Nacional", dise na sentencia.

A maiores, Benedicta foi acusada de axudar a fuxir ao exalcalde do Frente Popular da Pastoriza durante a República, Victorino Mateo Hombreiro, ofrecéndolle vivenda e alimentos durante o tempo que permaneceu oculto. Un feito no que tamén colaboraría Manuel. E aínda que sobre os dous pesaban os mesmos delitos, ela foi condenada a cadea perpetua e el, a vinte anos de prisión, no Consello de Guerra celebrado en Lugo o día 30 de xullo de 1937.

En 1943, a pena de Manuel foi conmutada e foi posto en liberdade, non sen antes ter recibido "cada media hora un golpe na cabeza que o deixaba tirado no chan do cárcere", explicaron na homenaxe.

A condena de Benedicta, pola súa parte, foi reducida a oito anos e, en 1945, saíu en liberdade condicional. Antes, pasou por algunhas das prisións máis cruentas do país: Saturrarán, en Guipúzcoa, e máis tarde Palma de Mallorca. Todo o lonxe que se podía nun tempo no que as distancias medían máis ca hoxe e xa con tres fillas, Dora, Alejandrina e Enriqueta, cuxa existencia non aparece mencionada nos documentos.

A pesar da súa historia, Benedicta, que solicitou en 1990 a súa amnistía e a do seu home xa falecido, foi unha muller "alegre", que proxectaba un trato "diferente cara os nenos" e á que lle gustaba facer deporte e xogar. Iso puido constatar un dos seus bisnetos, Eduardo, que pasou boa parte da súa infancia con ela, ata que tivo 15 anos. "Cando era neno, incluso pensaba que lle quería máis ca miña nai", recordou Eduardo. Foi en 1996 cando Bita, tal e como lle chamaban os seus familiares máis achegados, finaba en Lugo.

Eduardo tamén agradeceu poder coñecer algo máis do pasado da súa bisavoa, un pasado que "seguramente miña avoa tampouco coñece». «Eu non sabía nin que estivera en Palma de Mallorca", asegurou, para logo prometer que seguirá "tirándolle da lingua" aos seus e así poder traer ao presente a lembranza dunha muller que o tivo máis difícil por ser afoutada.

Disparidade entre os testemuños
Das declaracións recollidas no arquivo, cinco persoas manifestaron a súa posición en contra dos acusados e dúas fixérono a favor. Tamén se ten constancia de que a familia e os veciños de Abadín aseguraron non ter visto nada en Benedicta e Manuel que apoiara as acusacións.
En contra
Algunhas das declaracións que se recollen dos escritos nos que se apoiou a celebración do Consello de Guerra tildan aos acusados de «extremistas». Algunhas máis concretas din: «Cuando Victorino Mateo se fugó, la esposa de Manuel, a ciencia y paciencia de su marido, se fue con él a Candia» ou «Manuel Ferreiro, siendo un hombre peligroso para la nueva España, cuando coge el periódico y lee que hay avance de las tropas nacionales se desespera, como su esposa». Houbo testemuñas que foron máis alá e manifestaron unha posible infidelidade por parte de Benedicta para desacreditala —«Según rumores, la esposa de Manuel Ferreiro hacía vida marital con el exalcalde»—, aínda que non hai proba que o acredite.
A favor
Das afirmacións que se recollen do Consello de Guerra destaca a dun veciño que considera que «a la procesada no la tiene por mala persona, habiéndola considerado siempre de derecha, lo mismo que su marido» e dun amigo da familia que asegura que «oyó que los procesados son víctimas de una calumnia».

Comentarios