viernes. 03.04.2020 |
El tiempo
viernes. 03.04.2020
El tiempo

BEGONTE

O belén "máis importante de Galicia" xa irradia a súa luz a todo o mundo

Primeiro pase do belén electrónico. C. PÉREZ
Primeiro pase do belén electrónico. C. PÉREZ
O cura Félix Villares inaugurou o nacemento begontés, do que salientou o seu "magnífico exemplo" de diálogo entre a fe e a cultura

Un Nadal máis, e xa van 48, o belén electrónico de Begonte, "o máis importante de Galicia", abriu as súas portas convertido "nun gran facho que irradia a súa luz a toda Galicia", tal e como destacou o pregoeiro dos actos do XLVIII Nadal en Begonte, o crego vilalbés e responsable de patrimonio da diocese de Mondoñedo Ferrol, Félix Villares.

Dende o púlpito da igrexa de San Pedro, onde se oficiou a tradicional misa inaugural, Villares loou aos "egrexios pregoeiros" que o precederon e citou a Rosalía de Castro para prodecer a falar da conversión daquela "luz moi pequerrechiña" que acendían en Begonte José Domínguez Guizán e José Rodríguez Varela, 'Joselín', nun "magnífico exemplo" do diálogo entre fe e cultura. "O esforzo desinteresado dun grupiño de persoas" fixeron que fose medrando e sumando, coa incorporación dos certames de arte, poesía, xornalismo e debuxo infantil, que un ano máis convoca o Centro Cultural José Domínguez Guizán.

O pregoeiro, que quixo lembrar o nacemento de Xesús ao redor do que se constrúe esta instalación, rematou a súa intervención desexando que o belén begontés "ilumine moitos, moitos, moitos anos a Galicia e a todo o mundo".

A cerimonia relixiosa, á que asistiron autoridades, a familia de Joselín e veciñanza, contou coa intervención da coral Polifónica Vilalbesa, dirixida polo párroco Uxío García Amor, que ofreceu o tradicional recital de panxoliñas ao rematar a misa e antes de que todos os presentes se trasladasen ao centro cultural para os primeiros pases do nacemento.

Un dos principais atractivos sempre é descubrir as novidades que cada ano presenta a instalación e este foron moitas. Non só se recuperou a igrexa, inspirada na de Begonte, que estaba na exposición do museo de belén, senón que se incorporou unha nova figura. Ramiro Cruz apostou este ano por crear un home cortando madeira. E ademais renováronse as instalacións, ampliando o espazo diante do nacemento coa redución da zona das gradas, nas que se habilitaron bancadas de madeira. As obras, efectuadas polo Concello e a Xunta, serviron para mellorar a accesibilidade e a seguridade no recinto.

O belén de Begonte permanecerá aberto dous meses, ata o 25 de xaneiro —para visitas colectivas, hai que chamar ao 982 396 121—, cando se entregarán os premios dos concursos. E coma sempre contará con diversas actividades complementarias durante o Nadal, coma a exposición itinerante Imaxes do Nadal, que xa se pode ver en Meira, para logo pasar por Castro e por Friol.

O belén "máis importante de Galicia" xa irradia a súa luz a todo o...
Comentarios