martes. 31.03.2020 |
El tiempo
martes. 31.03.2020
El tiempo

BEGONTE

Belén electrónico: un clásico renovado cara aos 50

Unha de tantas visitas ao belén de Begonte. C.PÉREZ
Unha de tantas visitas ao belén de Begonte. C.PÉREZ
O nacemento estrea a súa cuadraxésima oitava edición con numerosos visitantes, cambios nas instalacións e un mes máis por diante para homenaxear a vida no rural chairego

 O belén electrónico de Begonte, a creación dos dous Xosés —o cura José Domínguez Guizán e o deseñador das figuras, José Rodríguez Varela, Joselín— camiña cara aos 50 anos convertida no "belén máis importante de Galicia", tal e como salientaba o pregoeiro desta cuadraxésima oitava edición do Nadal en Begonte.

"Esa luz pequeniña, co paso dos anos, foi medrando, medrando...", destacaba Félix Villares, ata converterse nun referente que conta dende 2014 coa distinción de Festa de Interese Turístico de Galicia e que ao longo de dous meses, dende comezos de decembro ata finais de xaneiro, recibe ao redor de 40.000 visitantes "de todas as clases sociais e idades", dicía o pregoeiro.

Persoas a título individual ou como integrantes de numerosos colectivos, dende colexios ata centros de maiores, acoden para gozar dos 15 minutos de Nadal que se reproducen unha e outra vez no centro cultural José Domínguez Guizán. E moitos repiten, porque unha vez non adoita ser abondo.

E cada ano hai algunha novidade. Ramiro Cruz recolleu o testemuño de Joselín e encárgase agora das novas figuras en movemento. Este ano, apostou por un home cortando leña, logo da boa acollida que tiveron os mallos, a matanza do porco e un troiteiro.

El forma parte dese "grupiño de persoas" que, co seu "esforzo desinteresado", manteñen en funcionamento os 80 metros cadrados da tradición rural galega que plasma o nacemento, como salientaba Villares: "No belén están representados moitos dos oficios artesanais da nosa terra, algúns desaparecidos ou a piques de desaparecer, e están á vista as varias construcións propias e características da Terra Chá".

O valor etnográfico compleméntase co cultural, co social e co relixioso nun nacemento ao que este ano a Xunta de Galicia e o Concello de Begonte destinaron preto de 30.000 euros para renovar a bancada para o público e a cuberta da entrada. Melloras necesarias para manter aceso ese "gran facho de luz" que é o belén de Begonte.

Mostra Imaxes e Palabras
Un clásico do belén begontés, a fiadora. C.PÉREZ
  O centro cultural José Domínguez Guizán promove varias exposicións, para complementar a oferta do belén electrónico. Ás clásicas Imaxes do Belén, unha mostra fotográfica itinerante  —este anos xa estivo en Meira, agora pode verse en Castro e irá a Friol—, e a das obras que concorren cada ano ao Certame Galego de Arte—estréase o día 2 na Xunta en Lugo— este ano sumáronse os seis paneis de Imaxes e Palabras.
Composición
A mostra, que conta cun folleto divulgativo, recolle fotos de figuras do belén e 40 fragmentos de poemas premiados no certame de poesía, de Marica Campo, Otero Canto, Mero, Pérez Parallé, Alfredo Macías, Cecilio Lago, Martiño Maseda, Noelia Martínez Rey, Marina Cillero, Manuel Terrín, Fiz Vergara Vilariño, etc.

Belén electrónico: un clásico renovado cara aos 50
Comentarios