O belén de Begonte pecharase online tras recibir 14.000 visitas presenciais

O centro cultural José Domínguez Guizán dá por finalizada a tempada do 50 aniversario sen o tradicional acto de clausura, que será substituído por unha entrega de premios virtual
Visitas presenciais ao belén electrónico de Begonte, na xornada inaugural.
photo_camera Visitas presenciais ao belén electrónico de Begonte, na xornada inaugural. C. PÉREZ

O centro cultural José Domínguez Guizán vén de dar por rematada a tempada do 50 aniversario do belén electrónico begontés, cuxas actividades se engloban baixo o título O Nadal en Begonte. Dende a súa inauguración o pasado 4 de decembro, e malia as limitacións de aforo derivadas da pandemia, foron máis de 14.000 as persoas de todas as idades que se achegaron a gozar do popular nacemento, declarado Festa de Interese Turístico de Galicia, nestes dous meses nos que recuperou as visitas presenciais, logo de permanecer pechado no Nadal 2020-2021.

"En contraste coa anterior, esta simbólica tempada caracterizouse pola presencialidade, en grupos reducidos -máximo 25 persoas a un tempo-, rexistrados previamente a través de internet ou telefonicamente, atendendo tamén a quen acudía sen reserva na medida en que as dispoñibilidades de espazo o ían permitindo", concretan dende o centro cultural, precisando que, "dentro da complexidade da actual situación sanitaria, o desenvolvemento deste tempo do Nadal en Begonte foi totalmente normal, gardando distancias e cumprindo as prescricións establecidas ao respecto", aseguran.

Ás visitas físicas hai que sumar ademais as ao redor de 12.500 rexistradas a través da web. Cunha media de máis de 200 entradas diarias, mantívose así operativa a fórmula estreada no Nadal anterior, o recurso escollido para abrir o belén malia que non se poidese visitar en persoa. Estes accesos producíronse dende distintas partes do mundo, aínda que a maioría foron dende España e, sobre todo, Galicia.

O coronavirus fai tamén que, como medida preventiva, non se celebre o día 29, no derradeiro sábado de xaneiro, como sería costume, o tradicional acto de clausura e de entrega de premios dos certames do belén, que será substituído por una entrega virtual que está previsto que se leve a cabo a vindeira semana.

A páxina web rexistrou unha media de 200 entradas diarias este temporada

"A normalidade no desenvolvemento da campaña -iniciada o 4 de decembro co pregón do bispo mindoniense Fernando García Cadiñanos- aconsellou non celebrar o habitual acto público de clausura de actividades e entrega de premios", precisan dende a organización, e concretan como se vai realizar a entrega, nunha data aínda por determinar.

Así, na celebración virtual participarán os gañadores e o resto de premiados de tres dos catro certames: Arte -Óscar Cabana Picado-, Xornalismo -Pablo Veiga López-Castelo, Santiago Rodríguez López, Xoán Neira e Ruth Fernández Fernández- e Poesía -Baldomero Iglesias Dobarrio, Xosé Otero Canto, Carlos López Fernández e Xoán Xosé Fernández Abella-.

Porén, os 16 galardóns do tradicional Certame Infantil de Debuxo sobre o Nadal, que recaeron todos en alumnado de centros educativos da Mariña, serán remitidos aos respectivos colexios e institutos dos estudantes premiados.

Ademais dos certames e das visitas, esta tempada do 50 aniversario de O Nadal en Begonte ofreceu tamén a posibilidade de gozar de varias exposicións, entre elas a mostra itinerante deseñada para conmemorar eses 50 anos do belén electrónico, que foi por distintos puntos de Galicia, ademais de ter varias localizacións fixas.

Comentarios