O autor begontés Pablo Veiga publica 'A marcha de Anxo', a súa primeira novela

O escritor relata o "desacougo" dun neno de nove anos e dos seus cando abandonan o seu lugar de confort
O escritor begontés coa súa primeira novela. EP
photo_camera O escritor begontés coa súa primeira novela. EP

A historia dun neno de nove anos que vive coa súa familia ás aforas dunha vila galega levaba tempo no caixón, pero é agora cando ve a luz da man do seu creador, Pablo Veiga, quen vén de sumerxirse no universo das novelas con A marcha de Anxo, a súa primeira obra neste xénero.

O escritor, natural de Donalbai (Begonte) e traballador social en Friol desde fai máis de 20 anos, enfrontouse ao "desafío" de pasar de textos curtos, os que escribía para medios locais e revistas e, incluso, para un semanario israelí, á novela. "Son palabras maiores", di Veiga, ao tempo que recoñece que pese a que non foi un proceso fácil, "unha vez que me puxen foi cuestión de deixarse levar e deixar fluír a historia". Foi o proxecto EMcreativo, da Asociación Lucense de Esclerosis Múltiple, o que o animou a sacar á luz unha historia dirixida a todos os públicos, mellor a partir dos doce anos.

A marcha de AnxoA marcha de Anxo, da cal non quere descubrir os seus pormenores, xira arredor do "desacougo" que sente o pequeno e a súa familia cando teñen que abandonar a aldea na que viviron, o seu lugar de confort, por un novo lugar e é un día antes de marchar cando o protagonista, montado na súa bicicleta, fai un repaso polas súas memorias, as súas experiencias e a súa xente, a que deixará atrás e que tamén sentirá ese mesmo desacougo. "As personaxes son todas imaxinarias, pero eu identifiqueinas claramente a todas", di o autor, consciente de que todos van relacionar os que saen na novela con alguén que coñecen: "a señora que vive soa, o emigrante retornado, a diversidade sexual, a violencia de xénero. Todo aparece reflectido desde o punto de vista dun neno de nove anos", detalla.

Ademais, as páxinas están tinguidas dunha certa "deformación profesional" e nelas escribe, di, do que "penso que sei algo". E aínda que afirma que "segundas partes nunca foron boas", o lector terá máis de Pablo Veiga, inmerso xa en novas aventuras literarias.

Tras ser presentado no Vello Cárcere de Lugo á espera de continuar coa xira, o libro -publicado por Pasarela Provisional, proxecto de Alejandro Robledillo-, xa se pode adquirir en formato físico. "Son un clásico", di, desbotando o dixital e lembrando o "subidón de adrenalina" cando tivo entre as mans a súa ópera prima.

Comentarios