Begonte instala 19 paneis identificativos dos recursos turísticos do municipio

Os carteis foron colocados nas igrexas de todas as parroquias, aínda que desde o Concello prevén estender o proxecto a outros elementos
Un dos paneis, na igrexa de Baamonde. C.PÉREZ
photo_camera Un dos paneis, a carón da igrexa de Baamonde.

O Concello de Begonte vén de dar por concluída a fase de instalación de paneis identificativos nos recursos turísticos do municipio. Concretamente, colocáronse 19 carteis nas igrexas das parroquias co obxectivo de atraer visitantes e que os que se acheguen teñan a oportunidade poder coñecer máis en profundidade o patrimonio begontés, tal e como resumía o alcalde, José Ulla.

O proxecto, que non se descarta estendelo a outros elementos singulares proximamente, contou cun presuposto total de 17.764 euros e foi executado a través dun convenio coa Consellería de Turismo. Nel, contémplase a adquisición e montaxe de planímetros de 1,40 por 1,40 metros que levan incluídos paneis informativos de 65 por 40 centímetros con bandexa e pata de aluminio lacado, así como un vinilo impreso no que se recolle o tipo de arquitectura do templo, o ano de construcción ou o plano da base, e no que tamén se engadiron placas braille para adaptalos a persoas con discapacidade visual.

VÍDEO PROMOCIONAL. Nesa mesma aposta por promocionar o turismo en Begonte, desde o goberno local tamén se impulsou a gravación dun vídeo promocional do municipio de seis minutos que "non é un vídeo ao uso", avanza Ulla, senón que se trata de "destacar a riqueza cultural, paisaxística e gastronómica a través do que explican varias persoas nel, sen ser un continuo pasar de instantáneas. É un vídeo humanizado".

Na peza, que se dará a coñecer nas vindeiras semanas, pódense escoitar as recomendacións que fan pescadores, canteiros ou o propio Víctor Corral sobre o concello chairego. «Hai que motivar que nos visiten, que a xente descubra por si mesma todo o que pode ofrecer Begonte», engade o rexedor.

Así mesmo, desde o equipo de goberno buscan potenciar o lema do municipio, "Un lugar a descubrir", e diversificar os atractivos que hai nel. "Temos que aproveitar o que temos e que, moitas veces, descoñecemos", indica José Ulla, e fala de lagoas, humidais ou recursos arquitectónicos que poden achegarse a descubrir algunhas das "máis de 30.000 persoas que visitan o belén electrónico e que, incluso, poderían pernoctar por aquí".

Comentarios