Beatriz Coira: "Son unha mestra afeccionada á escritura con intención de quedarme”

Beatriz Coira, nada en Vigo e mestra de profesión, foi a gañadora do concurso de micropoesías organizado polos colectivos Os Vilares, Lareira de Soños e Nova Poesía Guitirica (NPG), que vai xa pola súa terceira edición. Coira acadou o galardón coa súa composición A Volta. Manuel González e Ana García obtiveron o segunto e terceiro premio, respectivamente. O reto era complexo: escribir en dous ou tres versos un poema que cautive

Beatriz Coira.EP
photo_camera Beatriz Coira.EP

Quen hai detrás desta poetisa e gañadora?

Encántame escoitar o de poetisa ou escritora porque me apaixona aínda que en realidade son unha mestra afeccionada á escritura.

Como coñeceu o certame e a Os Vilares, Lareira de Soños?

Foi de casualidade. Un día mergullando en páxinas literarias da internet atopeime co certame. De inmediato, decidín presentarme. Foi entón cando me interesei polo traballo que realizan. Sentín ademáis curiosidade en saber en que consistía eso das vilariñas e a poesía guitirica.

Que lle gustou do certame para animarse a participar nel?

O reto que supón escribir un poema con dous ou tres versos. Pode parecer doado pero non é tan sinxelo relatar unha historia de xeito comprimido.

Como recibiu a noticia de que fora a gañadora?

Recibín a noticia por unha mensaxe no teléfono xusto no intre no que se quedou sen batería, así que tiven que esperar a cargalo para poder lelo. Ademais, como xa era tarde e na casa estaban todos deitados non puiden contar a boa nova ata o día seguinte. Foi unha noite moi especial.

Recibín a noticia por unha mensaxe no teléfono xusto no intre no que se quedou sen batería. Foi unha noite moi especial

O certame permitía presentar dous micropoemas, apostou por un ou por dous?

Presentei as dúas vilariñas que escribín.

A entrega de premios celebrarase despois do verán, onde se aproveitará tamén para homenaxear á poeta Marica Campo. Quen son os seus referentes dentro da literatura galega?

É unha pregunta moi complicada de contestar. Primeiro dicir que estou encantada de poder coñecer a Marica Campo, quen ademais de poeta tamén se adicou ao ensino. Respostando á pregunta, na poesía galega, sen dúbida, Rosalía. Gústanme moito os relatos de Agustín Fernández Paz, Ledicia Costas ou Xavier P. Docampo. Estou moi en contacto coa literatura infantil e xuvenil tanto polos meus fillos como polo mundo do ensino. Por outra banda, leo a Francisco Castro, entre outros.

E fóra da literatura galega?

Fóra da galega, o meu referente foi Bécquer e o romanticismo en xeral e na narrativa foi, se non o é aínda, Torcuato Luca de Tena. Agora leo a escritoras, e falo en feminino porque leo maioritariamente a mulleres como Espido Freire, Dolores Redondo, María Oruña, Vanesa Monfort ou Paz Castelló.

É o primeiro certame ao que se presenta ou tiña experiencia na materia tanto como participante ou como gañadora?

É o primeiro certame de poesía ao que me presento pero si teño participado en certames de relatos. Fun varias veces finalista e publicáronme varios relatos en antoloxías pero nunca conseguira antes un primeiro premio.

Escribe dende sempre ou é unha afección recente?

Dende os once ou doce anos. Recordo que cando estudaba viaxaba no bus do colexio e o traxecto era de case unha hora. Cando ía da casa cara ao colexio aínda estaba adormecida pero á volta viña sempre con papel e lapis na man.

Que a inspira á hora de escribir?

Cousas que vexo, escoito ou que se me ocorren nun momento dado. Por iso levo sempre comigo un pequeno caderno.

Ten algún estilo ou pautas que siga cando escribe?

Nin sei se sigo pauta algunha. O que sei é que se teño claro o que quero contar, fágoo todo de seguido nun papel e, como eu digo, déixoo macerar ata o día seguinte. Entón reléoo e decido se vale a pena ou non. Se me gusta, empezo a darlle xeito. O título nunca o penso, sae en calquera momento de forma espontánea. O derradeiro paso é sempre no ordenador. Decididamente, son de caderno e lapis.

Ten algún dos seus poemas ou escritos publicados?

Non teño ningún libro de poesía publicado aínda. O certo é que estou a rematar un poema histórico que empecei hai algún tempo e no que teño posto moito traballo e ilusión.

Escribe tamén narrativa?

Si, tamén microrrelatos e pequenos contos.

Pertence a algunha agrupación de escritores ou poetas?

Pois non. Como dicía, son unha afeccionada con intención de quedar, iso si.

O certame pedía micropoemas en galego, é a súa lingua habitual e a lingua na que acostuma escribir?

Para a poesía si. É curioso pero non concibo máis lingua que o galego para este xénero. Non así para relatos, onde emprego as dúas linguas case indistintamente.

Comentarios