Bastidores con utilidade

A guitiricense Susana Díaz, da mercería EntreFíos, deseña e decora estes elementos ao gusto dos clientes e coa función que estes pidan, como colgar máscaras, pendentes ou fotos 
Susana Díaz, con algúns dos bastidores que deseña. C.PÉREZ
photo_camera Susana Díaz, con algúns dos bastidores que deseña. C.PÉREZ

Gustoulle un modelo que viu de casualidade en internet e Susana Díaz Villares, que abría no Campo da Feira de Guitiriz a mercería EntreFíos hai preto de catro anos, pensou que ela podía probar a facer algo semellante, bastidores con deseños persoais e diferentes utilidades ao gusto do cliente.

Foi collendo ideas de aquí e de acolá e, tirando tamén da propia creatividade, o pasado mes de febreiro expoñía os primeiros modelos de manufactura persoal na súa tenda, coma un complemento distintivo que sumar á oferta coa que xa contaba. Comezaba sen expectativas, por probar, pero o experimento semella que está a ter boa acollida e Susana xa rexistrou as primeiras vendas e encargas.

"Son bastidores feitos á man, decorativos e cunha utilidade", explica a responsable de EntreFíos, que comezaba facendo modelos para colgar pendentes ou fotografías, ou outros cun peto para deixar o móbil ou para ter un bloc de notas e un bolígrafo sempre á man. 

Viu un modelo por internet que lle gustou, fixo os primeiros ao seu gusto e dende febreiro ofréceos na súa tenda do Campo da Feira

Como quere darlle continuidade ao proxecto, non deixa de barallar alternativas de deseño. En medio dunha pandemia na que os tapabocas se converteron no complemento máis demandado, o seguinte modelo estaba claro: "Acabo de facer uns para colgar as máscaras na entrada da casa", confirma, e de paso, creou outro para colgar as chaves.

Susana compra os soportes de madeira e os materiais necesarios para a elaboración —tamén pode optar polo uso de elementos reciclados— e o resto xa depende da súa imaxinación ou dos requerimentos do cliente, se se trata dunha peza feita por encargo.

En calquera dos casos, cada deseño é único e quen o pide, ademais de poder elixir a finalidade do bastidor, as cores ou os motivos decorativos, tamén pode incorporar unha frase ou un nome bordado —Susana fai punto de cruz—, xa sexa o propio ou o da persoa á que vai dirixido, posto que os bastidores tamén son unha opción para quen queira facer un agasallo orixinal.

Ademais de recoller encargas, a artífice destes elementos decorativos e útiles ten varios expostos na tenda, á venda a doce ou 15 euros, segundo o deseño e o tamaño.

Comentarios