Baruk Domínguez: "O FIV axudou á Banda de Vilalba a 'desencorsetarse'"

Son un veciño do barrio de Fontiñas de Vilalba con antecedentes no rural, o que me fixo ser capaz de ver as cousas dende múltiples perspectivas. Como músico e como xornalista só intento dar o mellor de min porque penso que se temos dúas orellas e unha boca por algo é.
O vilalbés Baruk Domínguez. EP
photo_camera O vilalbés Baruk Domínguez. EP

Como acolle este nomeamento logo de doce anos na banda?
Con moita responsabilidade, pero sobre todo con moita ilusión e ganas de seguir co traballo que realizaron as anteriores directivas. Veño motivado e co fin último de colaborar con outras asociacións da vila e manter así a vida cultural de Vilalba, e incluso incentivala un pouquiño máis. Sen perder nunca a nosa esencia, iso si. A banda de Vilalba conta con máis de 30 anos de historia, e queremos seguir traballando en cuestións que permitan asentar o futuro da asociación.

E xa non queda nada para o FIV. Sorprenderán desta vez coa súa actuación?
Nós imos preparadísimos. Levamos cos ensaios xa unhas cantas semanas, e o que podo adiantar é que levaremos un repertorio moi diverso. Dende temas pop-rock ata outros máis clásicos nacionais e internacionais dos anos 80 e 90. Tamén faremos unha homenaxe a Tina Turner e interpretaremos algunha versión dalgún dos grupos que participan ou participaron nalgunha edición do FIV. Pero será sorpresa, e haberá que acudir para descubrilo.

Que importancia ten esta cita para a banda?
Moitísima. De feito para moitos de nós é o evento máis importante xunto ao San Ramón e ao Festival de Bandas Pepe Guntín, o Certame Literario, o concerto de Santa Icía e o de Nadal. Pero o FIV ‘desencorsetounos’, porque ao principio pensaban que non pegabamos nada aí e demostramos que non era así. Non ten sentido facer un pasodobre para este festival, pero sempre nos adaptamos cun repertorio propio para esta cita que chama a tanta xente. É unha forma de visibilizar a banda fóra do seu ambiente habitual e mostrar outra cara.

E vostede, con que evento musical da vila queda?
É complicado elixir unha cita, non podemos negar que o FIV axuda a fixar Vilalba no mapa, pero non podemos esquecer os pequenos eventos. Eu persoalmente quédome con todas esas colaboracións que axudan a manter a cultura viva na vila. Como vilalbés penso que deberiamos querernos máis e mover os proxectos polas parroquias, porque ás veces esquecémonos de que temos 29, e que somos capital dunha comarca inmensa con lugares marabillosos.

Que fai falta para incentivar máis a cultura en Vilalba?
Espazos nos que os máis novos poidan desenvolverse en máis ámbitos que os tecnolóxicos. É importante crear lugares onde os móbiles e as tablets non sexan a única alternativa cultural para os rapaces. Eu, como xornalista, vexo que temos que seguir loitando por mostrar a realidade e non encerrarnos en nós mesmos.

Vostede séntese máis músico ou xornalista?
Coa música pásame que estou metido en moitos proxectos por amor á arte, literalmente. Con respecto ao xornalismo, exerzo unha profesión que tamén me encanta, pero no día a día condicioname un pouco máis, así que quedaría coa música se non puidese facer nada máis na vida, polo menos a día de hoxe. O tempo dirá.

Comentarios