O recuncho de Ana Cabana

Barrio dos Muíños: un lugar e toda unha familia

Esta zona marcou e definiu a infancia de Ana, tanto indo ao colexio no inverno como xogando nas vacacións
Casa na que medrou Ana Cabana, á entrada de Roás. D.CENDÁN
photo_camera Casa na que medrou Ana Cabana, á entrada de Roás. D.CENDÁN

Localización
Saíndo da casa do concello de Cospeito, hai que continuar pola LU-P-1701 durante algo máis duns cinco quilómetros en liña recta. Despois, hai que xirar á esquerda no cruce que hai antes do río Anllo, e xa se chega ao barrio dos Muíños.

Gozo
O verán era unha época moi celebrada polos nenos de Roás, xa que era sinónimo de diversión, ademais de ser cando máis xente se xuntaba nela. Unha das actividades que máis facían era ir ao río a bañarse ou andar en bicicleta polas estradas da parroquia.

Evolución
Case non queda ningún edificio co mesmo aspecto que antigamente, nin sequera o da escola, que antes se dividía en dous, unha parte para nenas e outra para nenos, e agora é todo un.

Cruceiro e Igrexa de Roás, no barrio dos Muíños. D.CENDÁN
Cruceiro e Igrexa de Roás, no barrio dos Muíños. D.CENDÁN

O fogar. Ese lugar que, vaiase onde se vaia e fágase o que se faga nunca se esquece e ao que un sempre quere volver. Un sitio que ten unha mística especial, e que reaviva recordos que, na maioría dos casos, sacan un sorriso instantáneo. E o caso de Ana Cabana ao recordar o barrio dos Muíños, na parroquia de Roás, non é unha excepción.

"Crieime alí, na casa de miña avoa, e cada vez que volvo invádenme recordos que me transportan á miña infancia", apunta a cospeitesa sobre un sitio ao que lle ten "un cariño moi especial".

E é que, aínda que Roás cambiase moito e "moi poucas cousas" sexan igual que o eran neses anos, para Ana volver cada fin de semana "visitar a miña familia" é sinónimo de ledicia.

"Case todas as persoas que viviamos no barrio eramos familia, xa que gran parte naceu aquí, e iso fixo que, aínda dende que me fun, sempre sexa un sitio próximo e que considero meu", apunta, á vez que di que "a unión e a actitude que tiñamos todos os veciños foi o que máis botei de menos cando tiven que marchar estudar á Feira do Monte".

Algunhas das aventuras que máis recorda Ana están relacionadas con "ir mercar caramelos á taberna, e ás veces mesmo coller algún ás agachadas, aínda que o dono se decataba e facía a vista gorda", coa escola unitaria á que foi ata os sete anos, e que estivo activa ata o ano 1991, ou co verán, época na que "faciamos unha cabana pola festa e iamos para alí a comer lambonadas e tirar petardos", explica, á vez que ri.

Outra das súas lembranzas é de cando, polas inundacións da zona, tiñan que saír da casa "en botas de goma ou empregando o baño de salgar a carne como se fora unha barca, xa que nos chegaba a auga á porta da casa".

O común de todas as lembranzas é a familia, un dos principais motivos polos que volta a día de hoxe á parroquia. Pero non o único, xa que celebran eventos como "unha comida e unha misa na escola cada segunda fin de semana de novembro, onde nos xuntamos todas as xeracións", e tamén polas festas, como o San Miguel.

"Para min é a mellor festa do mundo, xa que alí me reencontro con todas as persoas da parroquia, e coa miña infancia", di.

Comentarios