O recuncho de... Alvaro Seivane

O banco da Vara: ata onde a vista alcanza

Este sinxelo observatorio, feito por un veciño e que se funde coa paisaxe, é un punto de referencia para os ribeiregos
Vista xeral do banco da Vara. C.PÉREZ
photo_camera Vista xeral do banco da Vara. C.PÉREZ
Como chegar
Dende a LU-751, no Chao do Pousadoiro, hai que coller cara a Esqueira e Navallos. A Vara está a uns cinco quilómetros e a dous máis, o banco, a uns 500 metros do límite coa parroquia de Lúa, xa en Pol.
Notoriedade
As redes sociais, grazas ás imaxes de Mari Dovi, axudaron a que este lugar cobrase popularidade. O Concello tamén o usou como imaxe nun calendario municipal.
Os outros
É o último, pero non o único. Para chegar a el pásase por outros asentos con vistas.

Álvaro Seivane, no banco da Vara. EP
Álvaro Seivane, no banco da Vara. EP

Álvaro Seivane marchou da Vara con sete anos. A familia foise vivir ao Chao. E co tempo, marchou de Ribeira de Piquín. Mais as raíces perduran, fortes, e A Vara é ese lugar ao que volver, no que un sinxelo banquiño de madeira no medio da nada (e de todo) é un símbolo "que todos os ribeiregos e toda a xente dos arredores coñecen".

A estrada pasa ao pé do banco da Vara. C.PÉREZ
A estrada pasa ao pé do banco da Vara. C.PÉREZ

"O banco era a meta que tiñamos no confinamento, iamos andando ata el", di. E así ver "todo un mundo". A frondosidade xa non o permite coa auga, pero o Lúa, afluente do Eo, está aí, ao fondo, cheo de recordos: "Hai dúas seimeiras moi grandes ás que nos iamos bañar de nenos".

O banco da Vara. C.PÉREZ
O banco da Vara. C.PÉREZ

A natureza manda. Unha paleta infinita de verdes combinada coas cores, cos sons, de cada estación. Se non fose polos eólicos perfilándose ao lonxe, as sinuosas estradas e o bruar dalgún vehículo, sería doado perder a noción do tempo, do espazo. O banco fúndese coa paisaxe. Podería levar aí toda a vida, mais apenas é maior de idade. Foron as mans dun carpinteiro da Vara, Fidel, as que lle deron vida. E xa houbo que restauralo, afrontar os efectos do tempo, dos tempos. Para que siga sendo posible chegar á meta, seguir o camiño.

Vista do banco da Vara. C.PÉREZ
Vista do banco da Vara. C.PÉREZ

 

Comentarios