O recuncho de Alberto Vilaboy

Banco da Serra: Unha ventá con vistas ao pasado

Un miradoiro no alto de Muras onde sentarse a desfrutar da natureza e a admirar a paisaxe, os sons e ata o silencio
Vista do monte dene detrás do banco. D.Cendán
photo_camera Vista do monte dene detrás do banco. D.Cendán
Localización
O Banco da Serra está preto da LU-P-3404 no seu paso por Goibetas, e ao lado do Rego de Carracedo no seu traxecto cara ao río Eume. Dende Muras, hai que seguir a estrada cara ao monumento Beira do Río e, ao chegar á serra, seguir a estrada cara a arriba ata chegar á finca, que xa está sinalizada, á vez que un aparcadoiro para deixar o coche na visita ao enclave.
Particularidade
É un banco feito cuns tablóns que se ían tirar, e que acabaron sendo a base do asento no que moitos visitantes se paran a admirar o monte de Muras.
Pola noite
Cando anoitece convértese nun sitio de luxo para ver as estrelas e admirar a lúa ao ser un sitio moi natural onde non hai contaminación que dificulte as vistas.

«É unha pequena homenaxe a meu pai, así como un reflexo do seu soño, que por desgraza non puido cumprir, cousa que queremos facer a miña familia e mais eu na súa memoria», explica o murés Alberto Vilaboy, veciño do municipio dende que volveu de Shangai, onde vivía por traballo, debido a que «hai cousas que non se poden mercar con cartos, e a sensación de vivir no rural e todo o que che aporta é unha delas».

Dende que voltou, Vilaboy persegue o soño de seu pai e fai vida en Muras, «nunha zona onde non hai xente, que foi onde mercamos a casa», ademais de tentar promover o rural e dignificalo, iniciativa da que acabou saíndo o Banco da Serra.

O Banco da Serra, de fronte. D. CENDÁN
O Banco da Serra, de fronte. D. CENDÁN

«Fíxeno nunha mañá, xa que tiña a madeira alí apartada e véuseme á cabeza». Despois, púxoo nunha finca que lle «trae moitos recordos da infancia». «Pasei moito tempo nela coa miña familia e é especial para min», di. Non acaban aí os recordos, xa que situou o banco «mirando cara ao monte onde eu levaba o gando cando era cativo. As vistas eran o lugar onde eu traballaba de neno e onde eu me familiaricei co monte».

«Sentarme no banco é como unha viaxe ao pasado, a recordar todas as miñas aventuras aí abaixo e como me namorei do rural e dos animais, que son hoxe en día parte da miña vida», explica Alberto, que fala feliz dos sentimentos que lle evocan as paisaxes que se ven dende o banco.

A pesar de estar nunha finca privada, ao banco «pode ir todo aquel que queira», e o seu facedor só espera que os visitantes poidan «sentir algo ao sentarse nel e ao observar a paisaxe. Que escoiten as curuxas, que vexan lucecús... Que experimenten o rural en toda a súa esencia e que ese momento lles aporte desconexión e tranquilidade», engade Alberto, que quere que ese recuncho de natureza poida facer que a xente se «enganche a ela como eu mesmo fixen».

Sobre as vistas, máis alá de todos os sentimentos que inundan o seu ser cando se persoa no lugar, conta que «se pode ver a Gañidoira, as fragas de Carracedo e de Bouzoa, dúas fragas moi virxes, algo difícil de ver xa nos tempos que corren». Ademais, dende o Banco da Serra e a súa localización tamén se pode ver o ceo estrelado e a lúa durante a noite.