Baamonde, un colexio máxico

O centro educativo traballa sobre a maxia este curso e todas as súas actividades estarán relacionadas co tema, tamén presente na inauguración da súa renovada biblioteca escolar
Escolares na renovada biblioteca do Ceip de Baamonde, co mural que pintou un pai. EP
photo_camera Escolares na renovada biblioteca do Ceip de Baamonde, co mural que pintou un pai. EP

Baamonde é un colexio máxico porque... "somos 29 nenos e nenas", "fas moitos amigos e divírteste moito", "o cole é divertido, dannos cousas moi chulas. Aínda que haxa o covid-19, pasámolo moi ben", "as profesoras chámanse Edita, Susana, Elisabet e Nazaret e tamén hai un cociñeiro chamado Adrián que cociña moi ben", "hai unha biblioteca, un patio e un pavillón", "a calquera neno lle gustaría este cole porque é máxico". Estas e outras razóns, recollidas en redaccións, son as que ofrecen os escolares do Ceip de Baamonde para explicar a maxia que enche todos os recunchos do seu colexio, xa que ese é o fío condutor de todas as actividades deste curso.

E dende logo houbo moita na inauguración da renovada biblioteca escolar, para a que a tartaruga Serafina -a mascota escollida por votación entre as propostas dos alumnos- se vestiu para a ocasión, variña e pucho máxicos incluídos, ademais da máscara.

Os "alucinados" estudantes non só se sorprenderon cos cambios operados neste espazo multiusos onde tamén hai dous ordenadores e unha televisión e no que se organizan moitos dos actos do centro, senón tamén cos trucos do Mago David, convidado especial na posta de largo do servizo.

"A biblioteca sufriu un cambio importante, tentamos darlle outra dinámica e crear un espazo máis aberto", explica a directora, Nazaret Rodríguez, sobre un proxecto de modernización que comezaba xa o curso pasado coa revisión dos fondos dispoñibles e a organización dun mercado solidario onde as familias puideron facerse cos libros vellos a través dunha doazón ou dun troco. Xunto á actualización bibliográfica e iniciado o proceso de catalogación para incluíla no proxecto Meiga, tamén se apostou por mellorar o local.

Renovouse o mobiliario, colocouse tarima flotante no chan, creouse un espazo para infantil e incrementáronse os fondos, coa idea de incorporar máis títulos. Ademais, un pai colaborou co centro pintando un gran mural nunha das paredes da biblioteca.

O colexio agradeceu esta axuda entregándolle un agasallo coincidindo coa xornada inaugural, na que a trintena de escolares do centro visitou por grupos as renovadas instalacións. Este día de festa tamén se aproveitou para facer entrega dos premios dun certame organizado polo Concello de Begonte durante o confinamento.

Comentarios