"Sen a axuda dos laicos non sería posible manter isto, é moi importante facer equipo"

Javier Rodríguez chegou á Terra Chá case por casualidade pero xa é un máis. Responsable de 35 parroquias e capelán nas dúas residencias de maiores de Castro de Rei, ten que facer case un croquis para compaxinar o seu labor. 
Javier Rodríguez mostra a caixa de todas as igrexas e inmobles dos que é responsable. EP
photo_camera Javier Rodríguez mostra a caixa de todas as igrexas e inmobles dos que é responsable. EP

Pese a ser natural de San Sadurniño e levar pouco tempo na Terra Chá, Javier Rodríguez, aos seus 50 anos, é xa unha cara recoñecida para moitos veciños. O sacerdote, ordenado en 1999 en Mondoñedo, chegou á comarca chairega hai seis anos e foi acumulando parroquias ata converterse no cura da diocese de Mondoñedo- Ferrol con máis ao seu cargo. Na actualidade, é responsable de 35 e de dúas residencias de maiores.

Como chegou a Terra Chá?
Empecei en Cedeira, estiven un ano, logo nove en San Claudio, en Ortigueira, cinco máis no Barqueiro e no Vicedo e dous no mosteiro de Samos facendo espiritualidade. E chamárame o bispo, daquela Sánchez Monge, que facía falta un párroco aquí. Xosé Manuel Carballo tiña unha traqueotomía e necesitaba apoio. Pero vin por 15 días e levo seis anos (sorrí).

Con que parroquias empezou?
Cando cheguei coas de Carballo, como axudante del: Goberno, Balmonte, Ramil, Castro de Rei, Santa Locaia e Azúmara.

E como se multiplicaron tanto?
Cuestións de idade e saúde. Ao ano seguinte Jesús Muinelo tivo un accidente e pasei a sumar Ponte de Outeiro, Pacios, Bazar e Prevesos. Ao pouco asumín as de Óscar Expósito, un cura novo que está estudando Biblia en Roma: Viladonga, en Castro de Rei; Silva, en Pol, e Pousada e Baltar, na Pastoriza. A maiores encargueime da atención ao xeriátrico de Castro de Rei, con 54 residentes, que actúa como outra parroquia.

"Chamáronme para vir por 15 días porque Carballo necesitaba apoio nas súas parroquias e levo xa seis anos aquí"

Os números seguiron medrando.
No verán do ano pasado un dos sacerdotes maiores non podía e deixou parte das parroquias. Convertinme no responsable da Unidad Pastoral (UPA) de Castro de Ribeiras de Lea, que agrupa actualmente 24 parroquias. Ás que tiña sumáronse Ansemar, Duarría, Loentia, Quintela e Ribeiras de Lea (Castro de Rei), Sobrada (Outeiro de Rei) e Ferreiros (Pol). E pouco despois incorporáronse á UPA as de Daniel Novo: Bendia (Castro de Rei) e Bexán e Xustás (Cospeito). Daquela asumín o xeriátrico de Castro, que con 132 residentes é máis que algunha parroquia, telo que atender.

A lista aínda non acaba?
Non. En novembro pasáronme as de Gabriel Novo e asumín Muimenta, Roás, Pumar, O Arneiro e Momán (Cospeito), Matodoso e Triabá (Castro de Rei), A Regueira, Reigosa e Corbelle (A Pastoriza) e Vilarente (Abadín).

É difícil contalas. Como se organiza?
Ao pouco de vir botei para adiante o que facía na zona do Ortegal, os consellos parroquiais, un grupo de mulleres e homes que aconsellan e axudan ao párroco. Hai persoas encargadas de economía, obras, de axudar na liturxia, nas misas, coas lecturas, na limpeza de templos... E as misas pasamos moitas para por semana. Ao principio non gustaba moito pero agora teñen boa acollida.

Cantas misas ten nunha semana?
Os luns son o meu día de descanso, os martes fago tres misas, os mércores programo as visitas de enfermos, os xoves teño outras tres, os venres dúas ou tres, dependendo da semana, os sábados oito e os domingos seis ou sete.

"Sénteste servidor das persoas e fas tantos quilómetros que nin botas conta, pero o peor é non atender como un quixera"

Cantos quilómetros supón?
Moitísimos, xa non botas conta.

Que é o mellor de levar tantas parroquias e coñecer tanta xente?
Sentirte servidor das persoas. Candos ves que as persoas responden e intentan amoldarse sénteste gratificado. O traballo a xente valórao. Tamén son moi gratificantes as visitas aos enfermos.

E o peor? O máis difícil?
Non poder atender todo como un quixera. Como di o refrán "moito e ben non atende ninguén".

Ten axuda? Nunca solicitou reforzo ou non hai alternativas?
Dixeron que ían mandar dous axudantes e mandaron un, Javier de Rosende, que é o que está actualmente. Hoxe en día temos un gran problema porque non hai relevos. Dos que estaban en activo aquí cando cheguei tres morreron e outros son moi maiores.

Cal é o problema? Hai crise de fe?
É un signo dos tempos. A sociedade cambiou moitísimo, a actitude de sacrificio, de entrega xenerosa, non é a mesma e a mentalidade individualista paga factura.

"Hoxe en día temos un gran problema porque non hai relevos"

A Igrexa debería modernizarse? Abrirse, permitir que os sacerdotes se casasen, por exemplo? Ou entrar as mulleres?
Creo que non podes atender dúas cousas á vez. A nosa vida absórbete moito. O sacerdote ten que estar dispoñible 24 horas. E a familia sería o primeiro. Non podes ser bo pai e bo párroco. Con respecto ás mulleres, xa hai laicas, como homes, que traballan as celebracións das palabras, e ás veces son as primeiras en contra.

E entre a xente. As igrexas están máis baleiras?
Non notamos baixón aquí. Incluso nalgunhas parroquias aumentou. Nalgunha de semana hai máis de 20 persoas, non está nada mal.

Pensa algunha vez en renunciar a tanto traballo?
Hai veces que estás desbordado porque tamén está todo o traballo de despacho. E sobrecargueime moito, tiven moito estrés, e eu teño dificultades de corazón. Sen a axuda dos laicos non sería posible manter isto. É importante facer equipo, e a corresponsabilidade. Co tempo moitas parroquias serán rexidas por laicos.

De preto

" A miña gran afección é a lectura, gústame moitísimo ler, e reláxame moito o tiro con arco"
 

Vive na reitoral de Ponte de Outeiro, en Castro de Rei. Que é o que máis lle gusta da Terra Chá?
O que máis me gusta é a xente, sen dúbida. É distinta á da costa, encantadora e moi acolledora.

Se tivese que escoller un lugar...
Que difícil sendo párroco de tantas parroquias chairegas! A Serra de Meira, un lugar moi emblemático para nós.

Se queda tempo libre con tanta responsabilidade, unha afección?
A miña grande afección é a lectura, gústame moitísimo ler, e reláxame moito o tiro con arco.

E que libro recomendaría?
Descartando os relixiosos, recomendaría Ideas, un libro de Peter Watson que fala da historia da humanidade.

Que fai con tódalas chaves das igrexas e os inmobles das parroquias que leva?
Teño todas nunha caixa e lévoa conmigo para non perder ningunha e telas sempre todas.

É natural de San Sadurniño. Leva anos na Terra Chá, pero vese aquí de forma definitiva?
Sempre digo que aquí estou moi ben pero que son accidental, mañá non estou. Co tempo espero volver máis preto da casa. Temos dispoñibilidade. Son fillo único e a miña responsabilidade é coidar aos meus pais, que aínda que están separados, viven nesa zona e eu intentarei co tempo tirar cara a alí.

Comentarios