Chega o conto de 'Zalaira no Samaín', as aventuras dunha bruxa e a súa curuxa

Laura Rodríguez e Iria Rei, do centro de ocio Picariños das Pontes, publican Zalaira no Samaín, un conto que anima a non deixarse levar polas primeiras impresións, ilustrado por Sonia Sueiro
Laura Rodríguez e Iria Rei.EP
photo_camera Laura Rodríguez e Iria Rei.EP

"Zalaira é una bruxa con pouca bruxería, lista e torpe, divertida e despistadiña". Así presentan dende o centro de ocio pontés Picariños unha personaxe que veu para quedar. Xurdida hai pouco máis dun ano das mentes inquedas e creativas de Laura Rodríguez Román e de Iria Rei Fraga, co apoio de todo o seu equipo, e materializada a través dos pinceis de Sonia Sueiro, a bruxa pontesa está a vivir a súa primeira grande aventura literaria nunha data moi sinalada para calquera da súa estirpe: o Samaín.

"Tiñamos un conto electrónico o ano pasado que foi a presentación da nosa bruxa, Zalaira, foi só unha proba que lle regalamos aos nenos de Picariños, pero queriamos facelo noutro formato, con ilustracións en acuarela", lembra Laura sobre os inicios dun proxecto que tamén deu pé a unha obra de teatro, Zalaira na Noite Meiga, que se representaba nos actos de San Xoán do Concello das Pontes.

Zalaira estaba acompañada naquela aventura da noite máxica de Avalón e de Morgana –personaxes que aparecen noutras pequenas historias que Picariños garda no caixón para futuras publicacións–, e entre os tres trataban de explicar a importancia da busca de solucións ante un problema, precisamente seguindo o lema de Picariños: "Non buscamos culpables, buscamos solucións".

"Zalaira é unha personaxe que nos gusta moito, unha mestura das nosas pesronalidades", explican Laura e Iria, que tamén inciden en que o seus contos teñen un propósito: "Buscan transmitir valores". E na súa aventura no Samaín, Zalaira deixa claro que non todo é o que parece, que nunca hai que xulgar a primeira vista. Mais non é o único obxectivo desta historia, pois tamén reivindica a celebración galega do Samaín, "a nosa festa", e "a muller", non só pola propia protagonista, senón a través de detalles coma o seu vestido, de cor morada.

Para que todas estas ideas se materializasen con éxito, dende Picariños confiaron na artista pontesa Sonia Sueiro, a ilustradora do libro e unha peza fundamental no resultado final.

"La bruja ya estaba creada, pero querían dibujos en acuarela y un trazo más suelto, me enseñaron algunas ideas y fui creando, con acuarelas y lápiz de color, para dar más expresividad; fui trabajando en función de los textos que me pasaron, creando escenas de la bruja y su curuxa" di Sonia, agradecendo a liberdade creativa que lle concederon e a confianza depositada nela dende un primeiro momento, pese a ser o seu primeiro traballo deste tipo –documentouse e buscou referencias noutros contos ilustrados–.

"Son dibujos muy expresionistas, una técnica que me gusta muchísimo, casi como si desdibujáramos, para que los niños puedan cerrarlos con su imaginación y también porque nada es perfecto", precisa Sonia, que pon como exemplo a portada, onde non se apreza o número de dedos de Zalaira. Son tres, catro? Cada quen pode axudar así a construir a historia da bruxiña Zalaira.

"Me encantó hacerlo, me hizo muchísima ilusión y ha sido una experiencia muy chula, que además nos hizo conocernos mucho más", apunta sobre un proceso creativo conxunto que tivo como resultado "un libro que va cargado de cariño".

"Espero que le guste a la gente", conclúe Sonia. E parece ser que si, pois en Picariños están encantadas coa boa acollida que está a ter a obra –no primeiro día que a anunciaron xa rexistraron unha vintena de reservas– e ilusionadas con poder seguir creando os seus contos e dar a coñecer as súas historias.

"Imos continuar, temos outro xa no caixón, que esperemos poder facer para o ano que vén, e relatos sobre a igualdade e sobre outra data sinalada", avanzan.

Tres formatos: electrónico, tapa branda

"Unha bruxiña superdivertida que nos conta as súas aventuras nunha noite máxica de Samaín". Así se presenta o conto ilustrado Zalaira no Samaín na web de Amazon, onde se pode adquirir en formato de tapa branda ou como libro electrónico. Ademais, estará dispoñible en tapa dura na imprenta Carlin das Pontes, que se encarga deste formato de impresión.

Reservas
Para facer unha reserva do libro tamén se pode contactar directamente con Picariños, ou chamando ao número 699.11.24.05.

Comentarios