miércoles. 03.06.2020 |
El tiempo
miércoles. 03.06.2020
El tiempo

Unha aventura formativa na India

Estudantes durante o festival na honra á deusa elefante. EP
Estudantes durante o festival na honra á deusa elefante. EP

O vilalbés Manuel Francisco Lamela é o único galego seleccionado por Colegios del Mundo Unido para estudar o bacharelato nun centro próximo a Bombai. O mozo, que xa leva catro meses asentado no seu novo fogar, ve moi positiva a experiencia, na que ten a posibilidade de participar en varios proxectos sociais

FOMENTAR A paz dende a educación multicultural. Esa é a base sobre a que se sustenta a filosofía de Colegios del Mundo Unido, unha institución que lle abriu as portas a Manuel Francisco Lamela para estudar durante este e o próximo curso o bacharelato nun centro da India, preto de Bombai. É o único bolseiro galego dun total de 19 mozos de toda España.

O vilalbés, que leva alí catro meses —veu durante o Nadal para visitar a familia—, está a vivir unha experiencia "única", tal e como el mesmo a define, e na que ten a oportunidade de convivir con rapaces de 85 nacionalidades diferentes.

"O que máis me gusta da experiencia é a posibilidade de coñecer outras realidades. As persoas que están no colexio veñen de lugares moi diversos. Hai algúns cun nivel económico alto, outros que proceden de zonas de extrema pobreza. Cada un ten a súa relixión ou crenza, pero todos somos iguais. Iso é o máis importante", indica o mozo, moi agradecido por poder participar neste proxecto, do que destaca "as fortes relacións interpersonais" que se crean.

"Esta experiencia axúdache a crecer como persoa e a valorar moito máis o que tes", di Manuel, que está facendo un máster de aprendizaxe para a vida.

Ademais do crecemento persoal, tamén está adquirindo coñecementos nun sistema educativo moi diferente ao que tería no instituto da súa vila, que visitou na súa escapada navideña e co que colaborou enviando vídeos nos que relata a súa experiencia na India.

"Escollín as asignaturas de Matemáticas, Bioloxía e Química, ademais de Historia, Español e Inglés", enumera o mozo, quen recalca que as dinámicas non teñen nada que ver co sistema educativo implantado en España.

Manuel Francisco Lamela. EP"Aquí experimentamos moito máis pola nosa conta. Cada vez que facemos un traballo, temos que descubrir algo novo. Aprendemos literatura lendo e comentando os textos. En Historia centrámonos nunha soa época, pero dannos ferramentas para investigar nós sobre outras que nos interesan", explica Manuel, quen recoñece que a relación entre alumnos e profesores, cos que comparten ceas e reunións, tamén é máis próxima que aquí.

Ás sesións semanais de cada materia súmanse outros proxectos e actividades que forman parte da dinámica do centro, encravado nunha zona illada nunha Reserva da Biosfera. "Tiñamos que escoller dúas iniciativas de servizos sociais. Unha dentro do campus, na que me decantei por ensinar inglés a parte do staff, e outra no exterior, na que imparto clases a nenos de entre seis e sete anos nun colexio dunha aldea do rural", conta o vilalbés, quen destaca o "cariño" co que sempre os reciben os pequenos.

Tamén forman parte da programación desta bolsa de Colegios del Mundo Unido as actividades deportivas que fomentan o traballo en equipo, a asistencia a festas tradicionais ou convivir durante 24 horas cunha familia, unha posibilidade que o vilalbés xa tivo a oportunidade de experimentar.

"Foi unha das cousas máis bonitas que fixen. Puidemos estar con eles, relacionarnos e coñecer o seu día a día", relata Manuel, quen tivo ocasión de reencontrarse cos máis pequenos da familia na celebración do festival na honra de Ganesh, a deusa elefante.

"Cada semana pasan moitas cousas, a experiencia está sendo marabillosa", conclúe unha mente inqueda con ganas de seguir sumando experiencias.

Un estudante extraordinario
Se por algo destaca Manuel Francisco Lamela, ademais de por ter sumado varios premios en varios certames literarios como o seu irmán Brais —que tamén viviu a experiencia de Colegios del Mundo Unido, no seu caso en Italia—, é por contar cun currículo académico exemplar. Terminou a Eso o pasado curso no instituto Santiago Basanta Silva de Vilalba, onde acadou un 9,6 de media e foi recoñecido co premio extraordinario.

Recepción co monarca
Manuel foi recibido polos reis de España, don Felipe VI e dona Letizia, Altos Patronos de Colegios del Mundo Unido, antes de partir á súa aventura na India. Recoñecía entón que os monarcas o animaron a que aproveitase moito esta experiencia única, algo que xa está facendo.

Bolsa nun barco
Entre as posibilidades que baralla este mozo vilalbés logo da súa estadía na India está a de tomarse un ano sabático. "Descubrín que hai unha bolsa formativa para viaxar polo mundo nun barco. Quizais a solicite, aínda non o sei", di, sen poñer barreiras á aprendizaxe.

Unha aventura formativa na India
Comentarios