Avelino Díaz loita polo Día das Letras Galegas de 2020

A asociación que leva o nome do poeta meirego conmemorou o seu 122 aniversario cunha tarde chea de poesía, música e reivindicacións
Antonio Vidueiro e Bernardo Penabade. S. IGLESIA
photo_camera Antonio Vidueiro e Bernardo Penabade. S. IGLESIA

"Que a Real Academia Galega recoñeza a Avelino Díaz e se lle dedique un Día das Letras Galegas", dicía Xosé Antonio Veiga 'Cami' poñendo voz ao sentir xeral dos asistentes á celebración do 122 aniversario do poeta meirego. O obxectivo queda agora posto no ano 2020.

O centro sociocultural de Meira acolleu un acto marcado pola poesía e a música, pero tamén polas reivindicacións que comezaron coa proxección do documental '14 razóns para un Día das Letras'. O "inmenso" traballo feito dende Arxentina, a teima por volver á "súa terra", a "merecida" homenaxe á súa figura, ao seu pobo e aos "outros represaliados coma el", o seu espírito reivindicativo e o desexo de espallar a súa traxectoria foron algúns dos argumentos esgrimidos por personaxes relevantes do eido cultural, ademais de veciños de Meira, que defenderon o recoñecemento que se lle debe ao autor exiliado. Pouco antes, os presentes fixeran unha viaxe audiovisual polos actos levados a cabo neste ano pola Asociación Avelino Díaz e recordaron o 121 aniversario do escritor.

Na misma liña continuaron as dúas conferencias que centraron a cita. Comezaba o investigador riotortego Antonio Vidueiro presentando a Bernardo Penabade, profesor e activista lingüístico e cultural que avogou pola implicación "da asociación de comerciantes, dos centros de ensino, das asociacións de veciños ou das entidades parroquiais" para converter a obra de Avelino nun "referente en valores" e ata nun "elemento dinamizador do desenvolvemento local".

A veciñanza pretende converter a obra de Avelino nun "referente en valores" e un "elemento dinamizador do desenvolvemento local"

Un pouco despois, o académico da Real Academia Galega, Antón Santamarina, introducido pola música da meirega Noemí Basanta, esmiuzou as características do galego empregado por Avelino, con algunhas palabras "case arcaicas e incluso descoñecidas para moitos", afirmaba o profesor. Termos como 'apoupar', 'marola', 'garelos' ou 'pavea', que ademais de formar parte de 'Debezos' tamén foron empregados por outros ilustres da época, tales como Leiras Pulpeiro, Curros Enríquez ou Iglesia Alvariño, cobraron sentido da man de Santamarina.

Algunhas desas palabras presentes na obra do meirego homenaxeado na tarde deste sábado foron entoadas pola mariscadora e poeta Teresa Ramiro e o mestre Antom Laia, quenes tamén recitaron pezas propias.

Eles deixaron paso a unha das tres pasaxes musicais que ofreceron os integrantes do cuarteto de saxofóns da Banda de Música de Meira. Lucía García, Pablo Rico, Rita Rivas e Claudia Rico interpretaron 'Miniatura', de Pedro Iturralde; 'Sud-América (Movementos I e II)', de Lino Florenzo, e 'Sud-América (Movementos III e IV)', co que pecharon unha xornada que clama por un día que sexa só para Avelino.

Comentarios