As auxiliares de Endesa farán un paro dunha hora o mércores 21 de agosto

Con esta medida de presión queren esixirlle á eléctrica que garantice o emprego e denunciar a previsión de despedimentos que se poden producir despois do verán
Asamblea celebrada o luns no Lar de Endesa, nas Pontes. M.MANCEBO
photo_camera Asamblea celebrada o luns no Lar de Endesa, nas Pontes. M.MANCEBO

Os traballadores das auxiliares de Endesa secundarán un paro dunha hora o vindeiro mércores, día 21. A concentración celebrarase de 12.00 a 13.00 horas na rotonda da Vilavella, a carón do acceso á central térmica das Pontes, que dende o pasado mes de abril apenas ten actividade pola suba do prezo do CO2. Ademais, á mesma hora, convocarase outra mobilización na entrada das instalacións de Endesa no porto de Ferrol.

Esta foi a principal medida á que chegaron na tarde do luns preto dun cento de empregados que acudiron á asamblea convocada no Lar de Endesa polos sindicatos UGT, CCOO e CIG, na que se lles informou aos traballadores das auxiliares sobre as reunións mantidas nos últimos días coa dirección da térmica das Pontes e coas consellerías de Industria e Infraestructuras, e nas que quedou "claro as dificultades que ten a factoría para producir en situación de normalidade".

Por este motivo, entendeuse como prioritario manter canto antes unha reunión coa alta dirección de Endesa en Madrid, para "acordar e pactar un tempo, sen medidas traumáticas no emprego, que permitan acometer no ámbito político as posibles solucións ao céntimo verde e ao prezo do CO2", sinalan dende os sindicatos, advertindo que existen "previsións de despedimentos despois do verán".

A convocatoria do mércores, á que están citados os máis de 200 traballadores das 17 empresas auxiliares que operan na térmica pontesa, abrirase tamén «a calquera veciño que queira asistir para apoiar aos compañeiros», invitan desde UGT, CCOO e CIG.

Xa en setembro -e á espera do que se acorde na xuntanza que o vindeiro día 30 manterán os integrantes do grupo de traballo local por unha transición xusta-, os sindicatos traballan na posibilidade de poder convocar outras medidas de presión, que poidan ser tamén "apoiadas por outros sectores económicas afectados polo parón produtivo da central térmica".

Comentarios