Aurora, de Mestre á gran pantalla

O documental, producido pola meirega Gaitafilmes, estréase este venres no Festival de Málaga
G
photo_camera Fotograma do documental 'Aurora'. GAITAFILMES

Aurora camiña paseniño. A fisionomía do seu corpo nonaxenario está marcada pola súa relación co traballo e coa terra, polos tempos naturais, a luz do día, da noite. Con escasas referencias do mundo artificial exterior. Naceu e viviu toda a súa vida na aldea pontevedresa de Taboexa, é unha muller forte, endurecida pola vida, universal. E tamén a protagonista que lle dá nome ao documental de Area Erina, producido pola meirega Gaitafilmes, que se estreará este venres no Festival de Málaga.

"Cando Antonio Durán 'Morris' -produtor asociado- nos ensinou as primeiras imaxes quedamos prendados de Aurora. Ten algo especial, algo máxico á hora de transmitir. Por iso decidimos apostar polo proxecto", conta Laura Doval, de Gaitafilmes. E desa pequena parroquia das Neves ata Ribeira de Piquín foron parar as 14 horas de gravación de Area. "Todo o proceso de postprodución realizouse no noso estudo en Mestre", explica.

O resultado desa conexión inmediata foi o documental Aurora, de 65 minutos de duración e que condensa algunhas das vivencias de Aurora e de Area ao longo dunha década. Unha obra coa participación da Xunta de Galicia e da TVG que no Festival de Málaga competirá na sección oficial.

gaitafilmes
Andrés Goteira e Area Erina, no estudo de Ribeira de Piquín. GAITAFILMES

"Recibimos a noticia con moitísima alegría. Gustaríanos que a vise canta máis xente, mellor. Cremos que ten un valor cultural e etnográfico importante que nos gustaría transmitirlle ao público", conta Doval.

Porque Aurora é patrimonio. Capaz de levar da risa á emoción en tan só uns minutos. Ela é a autenticidade máis pura. "Non houbo un guión previo, é todo real. Esa naturalidade, esa verdade, é o que fai que chegue máis ao público. En Aurora non hai máscaras", explica a produtora meirega.

O amor dunha veciña

A historia desta muller é imposible comprendela sen mencionar a Area Erina, a súa veciña e directora da obra. Aurora e Area. Area e Aurora. Os seus camiños cruzáronse na xuventude da primeira e xa na vellez da segunda en Taboexa para non volver separarse. "Cando ía á propiedade de meus pais na aldea tiña como visita obrigada a casa de Aurora, ben para saudala, para pasar a tarde con ela ou nada máis que para acompañala nos seus labores de labrega ou pastoreo. Ás veces falabamos moito, outras chegaba coa simple compañía e o silencio", conta.

Esa Area moza achegouse a Aurora con curiosidade, necesidade e moita sensibilidade. Foi no ano 2008 cando, case sen decatarse, comezou a filmar as súas conversas. "Dende nova sempre tiven o costume de retratar a miña vida e as experiencias que me rodeaban", explica. Xurdiu entón a maxia, a de abrir a porta do mundo de Aurora. Falaban de todo: a vida, a morte, a visión feminina do mundo. Non había tabús.

"Aurora é testemuña da historia da nosa Galicia, da nosa terra, da Terra. Tamén da condición que determinou a súa vida, coma a das miñas mulleres e a doutras tantas hoxe en día. É unha testemuña do maltrato. Testemuña de que se o ser humano non logra verse coma un igual ante a natureza, a humanidade seguirá sendo protagonista de guerras e de enfermidades, en definitiva, da súa propia extinción", apunta a directora.

Co paso dos anos, a cámara converteuse nun xoguete, foi secundaria, desapareceu, foi personaxe. Fundiuse con Aurora e con Area. Area e Aurora. Dúas persoas tan diferentes e á vez tan iguais que crearon unha perfecta simbiose entre ambas: "Con Aurora chegaba a esquecerme de min. Sentía que só eramos dous entes sen idade onde os mundos tan dispares dos que proviñamos se desintegraban entre nós". E as dúas mulleres gozaban dos tempos de lembranzas, de arranxar viñas, de descanso, de beber viño con pan e chocolate... de estar e ser, sen máis.

No ano 2019, Aurora abandonou o seu fogar para poder ser atendida en boas condicións polas súas sobriñas. A casa quedou baleira e coas portas entreabertas. Un can mouro e de mirada desconfiada agarda no interior polo retorno imposible da súa dona. Aínda que desde a presentación de hoxe ela comezará a habitar, quizais, un pouquiño en todos nós.

Comentarios