RECUNCHOS POR DESCUBRIR

Fonte de Valdobín: Augas sanadoras nun oasis de verde calma

A Fonte de Valdobín é un manancial de augas sanadoras que se construíu no 1950 e cuxo contorno se acondicionou en 2002 pola comunidade de montes de Parga
FONTE VALDOBIN PARGA (42)
photo_camera Fonte de Valdobín en Parga, Guitiriz. CRISTINA PÉREZ
imgDataComo chegar
Na Avenida da Paz de Parga está indicado o desvío. Quen veña pola LU-242 dende o Mesón da Cabra, ten que xirar á esquerda e quen saia de Parga, á dereita. A estrada remata na vía e dende ela hai un camiño. 
O manancial
A fonte actual data de 1950 e o seu contorno acondicionouno a comunidade montes de Parga en 2002, habilitando daquela a construción heptagonal que a cubre.
Beneficios
As augas, sulfuradas e fluoradas, recoméndanse para doenzas do fígado e dos riles, afeccións da pel ou trastornos dixestivos e do apetito.

 

Se unha imaxe se poidese escoitar, na da Fonte de Valdobín soaría o constante trino dos paxaros, o correr paseniño das augas sanadoras, o zoar do vento entre as árbores e, de cando en vez, a estrondosa alarma do paso a nivel anunciando o paso dun tren. Un balbordo momentáneo que case semella fóra de lugar no medio dun océano de verde calma onde o tempo non se corresponde co reloxo.

imgDataCase coma quen acha un tesouro agochado, a área recreativa aparéceselle ao camiñante ao fin dunha senda enmarcada por vellas árbores, que dá paso a uns vetustos camiños de lousa que van enlazando os elementos que rodean a fonte: tres mesas de pedra, unha delas a cuberto, gardando as distancias de seguridade, unha grella e dous vellos bancos pétreos que a bo seguro poderían contar centos de contos. E por aí tamén andan perdidos dous aparellos de ximnasia, retando ao visitante.

imgDataSe o camiño de ferro marca a fronteira dun lado, o de agua sinálaa do outro. O río Parga trae ata aquí esa Ruta da Auga á que Valdobín lle dá razón de ser. A senda, duns 20 quilómetros, une as tres fontes mineiromedicinais do municipio: Parga, Guitiriz e Pardiñas. E nela, este manancial sanador, aínda que un nin cheire as súas augas, é parada obrigada.

Comentarios