De augas mansas e fragas cheas de vida

A Ruta dos Muíños de Abadín percorre a natureza do concello chairego, desde Corvite ata Abeledo
Unha das primeiras paraxes. S.IGLESIA
photo_camera Unha das primeiras paraxes. S.IGLESIA

Quen busque paz, está no lugar axeitado. Nun percorrido que se pega ao curso do río Rodeiro e que xoga entre tanto co río Anllo, discorre a Ruta dos Muíños de Abadín, un paseo que salta de rodicio en rodicio e no que o silencio, só roto polo lento ruxir das augas, é todo canto se escoita. 

Nunhas dúas horas, o camiñante chega dende o muíño de Corvite, totalmente reformado e cuxo interior garda a esencia do que un día foi, ata o remate da senda, moi preto do muíño de Cabo de Vila. E polo medio, carballos, castiñeiros, bidueiros e ameneiros loitan por dominar nunha fraga na que se intenta adentrar o eucalipto, dando forma a unha estampa case bucólica. 

Muíño de Corvite. S.IGLESIA

Unha vez no camiño, hai que apartarse uns metros para ver os restos do muíño do Mazo, na Abesada, para logo regresar ao trazado orixinal, cruzar algunhas pasarelas —con máis ou menos risco— e toparse co muíño do Trasón, este si, cun exterior adecentado.        

Muíño do Trasón. S.IGLESIA

No tramo final sobrevive, medio agochado, o muíño da Fraga e, por último, o de Pequeno Escaravello, no lugar de Foxacos, ambos berrando por quen lles bote unha man antes de desaparecer vítimas do paso do tempo. Un tempo que se esvaece cando un se adentra no sendeiro máis puro da comarca chairega.

O lugar
A senda PR-G-152, a única de Abadín, percorre a beira do río Rodeiro e toca o Anllo, de Corvite a Abeledo.
Características
A Ruta dos Muíños ten 5,7 quilómetros e é liñal. Ao longo dela pódense ver catro: o do Mazo, o de Trasón, o da Fraga e o de Pequeno Escaravello. Desviándose uns metros están o de Corvite e o de Cabo de Vila. 
Acceso
A través da LU-113, tomando o desvío cara o muíño de Corvite no quilómetro 24 e, no tramo de estrada vella, coller a pista que vai a Baroncelle. Xusto no comezo da vía está o acceso á ruta. 
 

Comentarios