Augas de Galicia investirá case un millón de euros en mellorar a traída de Castro

O proxecto, que ten dúas fases, busca garantir o abastecemento ao núcleo urbano, ao polígono industrial e a sete parroquias do contorno
Una tubería. ARCHIVO
photo_camera Una tubería. ARCHIVO

Augas de Galicia, organismo dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, traballa no desenvolvemento dun proxecto co que investirá preto dun millón de euros na mellora do abastecemento de agua ao núcleo de Castro de Ribeiras de Lea, así coma ao seu polígono industrial, ademais de ás sete parroquias ás que dá servizo esta mesma rede de traída municipal, procedente do depósito existente en Quintela.

Dende a Xunta salientan a necesidade de executar esta intervención, posto que o actual servizo "presenta déficits de presión en diferentes puntos da rede no período estival", derivados dun incremento do consumo neste periodo, o que conleva "diminucións da presión da auga en varios puntos do sistema". Unha situación que ás veces, sobre todo en vivendas localizadas nos últimos puntos da rede, conlevan restricións.

Para solventar este problema, tal e como lembra o alcalde de Castro de Rei, Francisco Balado, hai anos quedara avanzada unha segunda canalización dende Quintela ata Castro, que nunca chegou a materializarse. Porén, agora faise "moi necesaria", asegura o rexedor, dado o incremento da demanda xerada polo aumento de poboación, o crecemento do parque empresarial ou a carga gandeira da zona, onde se atopan o centro de recría da granxa Gayoso Castro e tamén grandes explotacións gandeiras.

"En 2016 firmouse un convenio que agora se materializa", lembra Balado sobre un proxecto a cargo de Augas de Galicia que está en periodo de redacción e que se divide en dúas partes.

"A primeira fase solucionará o 80% dos problemas existentes agora", destaca o alcalde sobre una actuación cuxo importe de licitación ronda os 628.000 euros. A previsión da Administración autonómica é que Augas de Galicia poida sacar a contratación as obras a finais deste 2020.

Nesta primeira etapa, segundo detallan dende a Consellería de Infraestruturas, executaranse dous tramos de tubaxe de abastecemento de polietileno de alta densidade no núcleo de Castro de Ribeiras de Lea e nas súas inmediacións. "Os tramos de condución proxectados permitirán conectar coa rede existente nos seus extremos, co fin de solucionar os problemas de presión detectados no sistema de abastecemento na época estival", concretan dende a Xunta.

A segunda fase, cun orzamento previsto de máis de 355.000 euros, contempla a execución dun ramal que, partindo das conducións realizadas na primeira parte do proxecto, "mellore a conexión co polígono industrial e o servizo".

MÁIS CAUDAL. "Este é un proxecto moi importante, polo que levamos tempo esperando", di Francisco Balado, que detalla que a nova tubaxe que está previsto instalar, de 31,5 centímetros de diámetro e complementaria á xa existente, posibilitará un "aumento de caudal e de presión".

Este beneficiará á industria, xa que varias das empresas do polígono precisan de moito subministro para operar, e á veciñanza de Castro e das parroquias de Bendia, Loentia, Duarría, Ribeiras de Lea, Matodoso, San Xiao de Mos e Triabá.

Comentarios