domingo. 13.06.2021 |
El tiempo
domingo. 13.06.2021
El tiempo

A CHAIRA, 15 ANOS: GUITIRIZ

Augas de ferro que atraen coma un imán

2021 ▶ Expropiada hai 14 anos, a Casa da Botica hoxe é historia. AEP
2021 ▶ Expropiada hai 14 anos, a Casa da Botica hoxe é historia. AEP
A reapertura do Balneario, logo da compra de Oca Hotels, esperta ilusións nun pobo que loita por gañar servizos... e por non perdelos 
Veciñanza
O municipio pasou de rondar os 6.000 habitantes (5.972 e 5.974 en 2006 e 2007) a estar no fío dos 5.500 (5.484 e 5.490 en 2019 e 2020), perdendo case 500 veciños. A media de idade é de 51,08 anos.
Onde están os marcos?
O sexto concello máis grande de Galicia (o quinto de Lugo) ten 293,97 quilómetros cadrados, repartidos en 18 parroquias: Becín, O Buriz, Labrada, Lagostelle, Santa Mariña, Mariz, As Negradas, Parga, Pedrafita, Pígara, Roca, Sambreixo, San Salvador, Santa Cruz, Santa Locaia, Trasparga, Vilar e Os Vilares. Limita cos municipios coruñeses de Sobrado, Curtis, Aranga e Monfero; cos chairegos de Xermade, Vilalba e Begonte e con Friol.
Quen manda aquí?
Guitiriz tivo durante anos a única alcaldesa da volta. A socialista Regina Polín gobernaba en 2006 unha corporación con seis edís do PSOE, seis do PP e un do BNG. Hoxe sucédea a tamén socialista Marisol Morandeira, con sete edís, por cinco do PP e un do BNG. Nestes anos tamén gobernou o PP catro con José María Teixido (2011-2015) e tiveron representación dúas formacións independentes: Converxencia Galega e Compromiso por Guitiriz.
Para botar un pé
San Xoán é o patrón de Guitiriz, que tamén acolle o Festival de Pardiñas, a Festa da Torta de Millo, a Feira da Cantería, Callos e Artesanía ou a Romaría Labrega da Chaira, así coma un longo etcétera de festas locais.

Un encontro ministerial nunha área de servizo, un tratante de arte acusado dunha estafa multimillonaria e, ultimamente, unha proposta de sanción pandémica que podería alcanzar os 60.000 euros converteron o municipio no que nacían a torta de millo ou o poeta Xosé María Díaz Castro en protagonista involuntario de titulares mesmo internacionais. E de infinitas tertulias nas tabernas e nas súas substitutas en tempos de covid —e quizais sen el—, as redes sociais. E tamén por estas vías se abriu nos últimos meses un debate sobre a autoría, aínda descoñecida, dos letreiros artesanais de lugares e de negocios que están a inzar Guitiriz de sorpresas e de sorrisos. 

Mais os veciños, fóra da anécdota, non perderon o sono por estas cousas nos últimos 15 anos, senón por realidades moito máis próximas, coma as polémicas concertinas do CMT de Santa Cruz, a peonalización, agora si, agora non, da Rúa do Mercado, ou o declive e peche dun emblema coma o balneario, logo de celebraren por todo o alto a súa apertura e auxe. Tras sucesivos roubos e actos vandálicos, a compra por parte de Oca Hotels abría unha porta á esperanza, pero o virus estase a ocupar de manter confinada a ilusión polo menos por unha temporadiña. 

A que non pechou foi a fonte de San Xoán, que coa de Valdobín (Parga) e a de Santo Domingo (Pardiñas) forma a trindade de augas mineromedicinais guitiricenses, unidas na Ruta da Auga, pola que teñen pasado centos, se non milleiros, de camiñantes de aquí e de acolá.

Outras augas, as das traídas  municipais das vilas —as das aldeas son unha débeda pendente—, tamén xeraron máis dunha dor de cabeza. Se hai máis dunha década o ferro obrigaba a renovar a captación de Parga, nos últimos anos a preocupación repetíase no pantano de San Xoán. Tras varias actuacións, a insólita imaxe do encoro baleiro e un proxecto para renovar a Etap enriba da mesa, este semella ser por fin un problema do pasado.

O que non o é é a atención á infancia e á terceira idade. A existencia dun cento de nenos menores de tres anos fai que se vexa coma unha prioridade a conversión do PAI, que suma apenas un ano máis cá Chaira, nunha escola infantil. Por outra banda, en 2008 abría o centro de día, que dez anos despois se mudaría á Casa do Capataz. En todo ese tempo xa se falou de restaurar a Casa da Botica, mais o proxecto para convertela nun xeriátrico foise demorando, por razóns políticas e técnicas, ata o triste final do histórico edificio, que non da iniciativa. 

E mentres se debatía sobre ela, fóronse acondicionando a praza do Curro Vello, o telecentro, varias escolas, muíños, a polifacética Casa Habanera ou o emblemático Campo da Feira de Parga.

Nesta histórica vila de renome polas feiras, onde abriron unha casa rural, outra turística e un albergue, e que está presidida por un castelo ao que non lle viría mal unha posta en valor —hai un proxecto para arranxar a contorna—, os veciños teñen a afouteza necesaria para loitar polo que ven preciso. Levan anos a reivindicar os servizos bancarios, a atención no consultorio médico, a construción dunha variante para suprimir os pasos a nivel... Quizais non conten todas as batallas como triunfos, pero nunca se renden.

Son resistentes coma a pedra das súas canteiras, esa que chegou ata a Sagrada Familia e que explota en boa parte Ingemarga, cuxos traballadores protagonizaron sucesivas protestas na defensa dos seus dereitos laborais. 

Protagonista
Alfonso Blanco Torrado. AEPAlfonso Blanco. O crego, impulsor de Xermolos, de Bascuas, de Pardiñas, da posta en valor de Díaz Castro, das memoria dos represaliados de Santa Mariña... recibiu numerosos recoñecementos, entre eles o de Fillo Adoptivo de Guitiriz ou a escultura Xermolo de Luz, promovida por sete parroquias e creada por Xabier Quijada nun proceso que recolleu nunha mostra fotográfica Xoán Arias. Mais se hai un título que o represente, ese é o de Veciño Necesario.

Augas de ferro que atraen coma un imán
Comentarios