Audiodrama en Cabreiros ao estilo Welles

Ao estilo de Orson Welles, aínda que sen susto nin extraterrestres invasores de Marte, os veciños de Xermade recupera do olvido o radioteatro

Un micrófono para crear historia en Cabreiros. C.A
photo_camera Un micrófono para crear historia en Cabreiros. C.A

ORSON WELLES demostrou o poder da radio nunha noite de 1938. Millóns de estadounidenses foron sorprendidos cunha serie de boletíns informativos que falaban da invasión de extraterrestres dende Marte. O terror apoderouse da xente durante o programa. Pero ninguén invadiu nada. Cando rematou a transmisión, 59 minutos despois, todos descubriron que só era unha ficción. A Guerra dos Mundos converteuse nunha das obras máis estudadas no campo da comunicación e da socioloxía e demostrou o poder dos medios de comunicación de masas.

Foi en tempos de esplendor do radioteatro, un xénero olvidado que acaparou gran parte do dial de medio mundo na primeira metade do século XX. E nun exercicio de non esquecer, o sábado o audiodrama regresará ás ondas dende Cabreiros, en Xermade, a través dunha "experiencia pioneira" que chega coa intención de quedarse. Eso si, sen extraterrestres.

"Para min é volver aos anos 40 ou 50, cando o teatro radiofónico era a alma de moita xente, a historia que imaxinaban dende a casa a través das voces que escoitaban. Había moita novela, pero tamén moitos clásicos", recorda Xosé Manuel Felpeto, o presidente da asociación de veciños de Cabreiros, a entidade que leva anos apostando pola radio cun proxecto itinerante polas diferentes parroquias e este sábado dará un paso máis coa estrea da súa primeira obra de radioteatro, O ladrón das letras grandes, baseada na investigación dun roubo de xornais nun centro sociocultural.

"O radioteatro foi o xerme do teatro pero está en perigo de extinción. Faise algo puntual nalgunha radio, pero xa moi pouco. Está case desaparecido", asegura Felpeto. Atrás quedan horas e horas de diálogos, mesturados con música e efectos de son para axudar ao que escoita a meterse na historia.

En España, coma noutros moitos países, a chegada da televisión relegou a ficción radiofónica a un segundo plano. O último programa de radioteatro de emisión regular a nivel nacional foi Historias, en Radio 1, que se escoitou ata 2003. Antes, en Radio 3, Federico Volpini apostou pola súa recuperación cun serial radiofónico en clave de cómic fantástico, Cuando Juan y Tula fueron a Siritinga.

"O radioteatro crea no oínte unhas sensacións diferentes, porque estás imaxinando a historia, cavilando, non vendo personaxes concretos. É máis similar ao que se produce cando les un libro", di Felpeto, que ademais de presidente da asociación de veciños é o único actor teatral con experiencia neste novo grupo xermadés, conformado por un total de 16 persoas de diferentes parroquias do concello.

"Queriamos potenciar o sentido social e cultural, facer un traballo cooperativo, lúdico, didáctico e tratar de unir a xente de diferentes lugares do municipio, e a radio é un elemento moi bo para unir xente de diferentes sitios e xeracións", di o presidente da asociación de veciños, que explica que máis da metade das parroquias de Xermade estarán representadas nas voces do primeiro audiodrama chairego.

A obra vaise estrear en directo o sábado pola tarde na segunda sesión das Xornadas Interxeracionais Rurais de Cabreiros, que se celebrarán na antiga escola.

"Hai algo de nervios", recoñecen algúns dos novos actores. "Espero non estropealo", comentan outros, mentres se tranquilizan a si mesmos pensando que o bo é que non é unha función ao uso na que teñan que memorizar o guión. "Podemos ter os papeis diante", din, mentres o que foi director do grupo de teatro da parroquia, Charetada Teatro, indica: "No radioteatro o máis importante é o calibre da voz, a súa proxección é vital, pero non ten tanta carga a interpretación".

Tras a súa estrea, a obra, que gravarán os encargados de escribir o guión e de todo o proxecto da radio itinerante, Sergio Pascual e Lucía Abarrategui, publicarase en forma de podcast con Ivooxs e en varias páxinas web [email protected] e www.cabreiros.es-, dando un salto das ondas aos mundos infinitos de internet nun exemplo de que hai novos formatos para recuperar o pasado onde o radioteatro pode atopar unha nova vida.

"A experiencia é moi positiva. Estamos aprendendo todos de todos. O consumo de podcast está en aumento e en internet está o futuro e outra forma de facer radio", explican o xornalista e a comunicadora responsables do Labortaroio de Radio, un proxecto co que chegaron dende Santiago a centos de recunchos galegos.

OUTRAS INICIATIVAS. "En Cabreiros empezamos hai dous anos cun obradoiro de radio e o ano pasado fixemos unha xira polas parroquias na que participaron máis de cen persoas de Roupar, Lousada, Momán, Xermade, Cabreiros ou Miraz. É moi gratificante reunir distintas xeracións arredor dun micrófono e facerlles ver que todos temos algo que contar. Ao principio teñen algo de medo, pero despois funciona e é moi importante para salvagardar o patrimonio inmaterial", explican dous grandes defensores da radio, aos que se suma outra voz.

"É das mellores iniciativas que tivemos aquí. Para min estaría funcionando todos os anos", di Felpeto, que asegura que o radioteatro terá máis historias en Cabreiros que a do ladrón de xornais.

Sintonizamos. Quedan tres días para poder escoitala. E infinidade de ocasións cun click en internet.

Unha estrea no marco dun evento esencial
A estrea de O ladrón das letras grandes enmárcase dentro do programa das Xornadas Interxeracionais de Cabreiros, un evento que suma 14 anos como lugar de encontro de nenos e maiores.

O venres haberá un obradoiro de xogos tradicionais, ás 12.30 horas no Ceip de Xermade. O sábado está prevista unha charla sobre enfermidades mentais e un obradoiro de primeiros auxilios pola mañá. A tarde estará dedicada íntegra á radio. As xornadas rematarán o 9 coa entrega do Premio Xermade na Historia e un achegamento á historia dos torneiros. 

 

Comentarios