Atopan morto na súa casa un veciño de Vilalba tras días sen ter noticias del

Un coche de la Guardia Civil. ARCHIVO
photo_camera Un coche da Guardia Civil. ARCHIVO

Axentes da Garda Civil atoparon na tarde de onte a un sexaxenario falecido no interior da súa casa do casco urbano de Vilalba, tras alertar os seus familiares e coñecidos de que levaban varios días sen velo ou sen poder poñerse en contacto con el.

O home residía só no baixo dun antigo edificio da Rúa das Pontes, que está dividido en varias vivendas en aluguer. Tras intentar localizalo sen éxito e preocupados por se podía terlle pasado algo, as forzas de seguridade forzaron a porta para poder acceder ao interior do domicilio, onde xa o atoparon sen vida.

A Garda Civil mantén aberta unha investigación para determinar as causas da morte, que se tería producido hai xa varios días. Todo parecía indicar que o falecemento se debeu a causas naturais, posto que nunha primeira inspección non se aprezaron indicios de violencia nin se acharon evidencias que fixesen pensar o contrario.

Aínda así, para descartar outras posibilidades, o falecido foi trasladado ao hospital Lucus Augusti para practicarlle a pertinente autopsia e ata o seu domicilio tamén se desprazaron efectivos da Policía Xudicial co obxectivo de inspeccionar a casa e recabar posibles probas.

Ata o lugar tamén se mobilizou a Policía Local, que tivo que regular o tráfico no momento da intervención dos servizos funerarios.