Asociacións que apostan polo teatro

Un total de 71 persoas comezaron a súa andaina na interpretación, incluso sen experiencia previa sobre as táboas. Os últimos en incorporarse ao universo teatral son os integrantes do colectivo Aquilino Iglesia Alvariño de Muimenta
Membros da escola municipal de Vilalba nunha representación. S.IGLESIA
photo_camera Membros da escola municipal de Vilalba nunha representación. S.IGLESIA

Dar vida a unha persoa diferente, cambiar os rexistros e perder o medo son algúns dos pasos que xa deron 71 veciños da Terra Chá e de Meira grazas ás iniciativas nacidas no seo de diversos colectivos. A Asociación Cultural e Recreativa de Árbol, a asociación Aquilino Iglesia Alvariño de Muimenta, a asociación cultural Chimchiribote de Pol, a xunta local da AECC en Guitiriz, a asociación cultural Trailará de Meira, que comezará o seu novo curso en xaneiro, e os asistentes ás actividades do colexio de Moncelos ou ás da Liga Santaballesa veñen de impulsar os seus propios traballos teatrais.

Súmanse así á oferta da que xa se dispoñía coas escolas municipais de Vilalba e de Castro de Rei. A da capital chairega naceu en 2009 e Cristina Mariño, a súa actual directora, fíxose cargo dela dende ese ano ata 2016. Ten 38 alumnos nos grupos de infantil, xuvenil e adultos, que é o máis numeroso, con 22 membros. Así mesmo, a escola de Castro de Rei conta con 15 alumnos dirixidos por Guillermo Cancelo que, a comezos de ano, presentarán o seu "rural western", Por un puñado de grelos

E no centro ocupacional Vilalba Terra Chá tamén se suben ao carro teatral. Neste grupo, xurdido en 2006, reúnense uns 30 actores. A comedia A Consulta foi estreada en 2018 no auditorio Carmen Estévez cun gran éxito.

Torta de Millo, Guitiriz

Torta de Millo de Guitiriz. KANTERO

Os primeiros en atoparse co seu alter ego foron os guitiricenses, 13 actores afeccionados que  levan ás súas costas sete obras. A última, A liga da juventú, dirixida por Anxo Manoel, foi estreada en xullo e será reinterpretada o 29 de decembro para todo un público que lles deu unha acollida "moi boa", recoñece a presidenta da xunta local da AECC, Regina Polín. Así, a Casa Habanera de Guitiriz volverá a encherse por Nadal para escachar de risa cos intérpretes, que van "dende os doce ata os 72 anos", xa que "sempre facemos comedia", confirma Polín, que engade que xa teñen a vista posta na seguinte peza.

Colexio de Moncelos, Abadín

Colexio de Moncelos. S.IGLESIA

Inmersos no universo teatral, con dúas obras por ano, están os do colexio de Moncelos. Once aprendices de actor, "xa case profesionais", apunta a directora Pili Villamel, que van dende os dez anos de Hugo ata os 85 de Lola. Actualmente, ensaian co obxectivo de demostrar as súas dotes o 22 de decembro con O médico non se engaña, unha comedia integrada nun festival que incluirá música e coreografías e que deixará paso á seguinte representación, no Día das Letras Galegas. Ademais, afirman que dende que comezaron a súa andaina, alá por 2013, "todos aportamos o noso gran" e sempre parten dunha temática que van "modificando e dándolle forma entre todos", comenta Pili.

 

Asociación cultural Chimchiribote, Pol

Asociación cultural Chimchiribote. S.IGLESIA

En Mosteiro, Chimchiribote conta nas súas filas cun once integrantes en dous grupos. Polas tardes ensaia Xoel, un pequeno ao que lle sobra a enerxía sobre o escenario e que faría de calquera cousa "menos de elfo", e Naia, á que lle encantaría "interpretar a gatos", indica. Eles dous están acompañados pola experiencia de Rebeca Núñez, de Isabel García e de Ero Vázquez. Xa pola noite, son os adultos os que se fan donos das táboas.

"Os comezos son enfocados a coñecer o papel do actor e á improvisación, que cada un elabore o seu personaxe", comenta Ero Vázquez, ademais de animar "a todos" a probar o teatro. "Evadirnos do habitual e permitirche interpretar a outra persoa que crías contraria é o que pretendemos", conclúe Vázquez.

Asociación Cultural e Deportiva de Árbol, Vilalba

Asociación Cultural e Deportiva de Árbol. S.IGLESIA

Feitos todos uns expertos están os 14 membros do grupo teatral de Árbol, nacido á calor da asociación veciñal. Tan profesionais que a idea é "entrar no ciclo Buxiganga para o ano que vén", avanza o seu director, Guillermo Cancelo, quen engade que incluso, unha das participantes "está embarcada nunha fragata e pediu algunhas escenas para ir ensaiando". 

Durante este curso daranlle forma a unha peza completa despois de que a estrea, en xullo, da composición de preto de dez escenas, fora todo un éxito. "Houbo xente que preguntou cando a volviamos representar", lembran ao tempo que manifestan a súa predilección pola comedia e o desexo de aumentar o seu cadro de actores. 

 

Asociación Aquilino Iglesia Alvariño de Muimenta, Cospeito

Asociación Aquilino Iglesia Alvariño. S.IGLESIA

Cancelo tamén imparte clases aos recén chegados ao mundo da interpretación, os once membros da asociación Aquilino Iglesia Alvariño de Muimenta que polo momento están na parte do "desbloqueo, de abrir o corpo, que é o instrumento que ten o actor", describe Guillermo. E anuncia que o seguinte será a "improvisación", un paso que é máis complexo para aqueles que están no ano cero, pero que xa empezan a percibir os beneficios do teatro, como a diversión, o traballo en grupo e a "desconexión durante as dúas horas que estamos aquí", corroboran.

Liga Santaballesa, Vilalba

Liga Santaballesa. S.IGLESIA

En Santaballa o teatro é a base pero non a finalidade. "Utilizámolo como ferramenta para traballar habilidades sociais, para fomentar a empatía, a igualdade e a loita contra o bullying", detalla Rocío Andón, unha das integrantes de Máis que teatro que imparte a actividade programada dende a Liga Santaballesa. 

Cada sábado, e xa levan tres, once nenos e rapaces —de seis a 15 anos— danse cita na escola habaneira para dar renda solta ás emocións, para "poñerse no lugar de outro, pasar por distintos estados e gañar perspectiva", detalla Rocío sobre unhas vantaxes extensibles a toda a interpretación.

Comentarios