viernes. 13.12.2019 |
El tiempo
viernes. 13.12.2019
El tiempo

A asociación de veciños de Nete celebrou a súa primeira xuntanza de escolares

Xuntanza escolares de Nete. MARTA DOURADO
Xuntanza escolares de Nete. MARTA DOURADO
O programa incluiu un xantar de irmandade, a proxección dun documental e unha exposición de fotografías antigas dos tempos de pupitres

Máis dun cento de asistentes desfrutaron dunha xornada cargada de lembranzas entre pupitres na primeira Xuntanza de Exalumnos da Escola de San Cosme de Nete, un evento organizado por Mercedes Ferreiro, David Vázquez, Jesús Carreira e Gelucha Rivas, integrantes da asociación de veciños desta parroquia vilalbesa.

"Todo saíu ben, moi ben. A xente pasouno moi ben, quedaron moi contentos. Ao final xuntámonos 127 persoas, entre acompañantes e exalumnos, que serían ao redor de 70", explica unha das promotoras, Gelucha Rivas, satisfeita co resultado dun encontro que só se viu empañado lixeiramente polo mal tempo e a chuvia, que non deu tregua nin un instante.

"Iso foi o único malo, o resto foi perfecto", sinala Rivas, consciente de que a xente tiña ganas de reencontrarse, compartir un anaquiño de tempo e refrescar a mente con esas anécdotas de antano nunha escola que abriu as súas portas a mediados dos anos 50 e as pechou hai xa uns 25.

Ademais de compartir mesa e mantel entre os alumnos, tamén se achegou á xuntanza unha das mestras que pasou polas súas aulas, Ángeles González Valiño. "Non foi das últimas. A min deume en EXB e despois tamén deu clase en Vilalba", explica Gelucha, recordando que o programa de actos contou ademais con outros atractivos.

Así, os propios exalumnos da escola mixta de Nete compartiron as súas fotografías para montar unha exposición que se instalou no local social e na que non faltaron imaxes de grupo, de excursións e de diferentes actividades escolares, coas que os visitantes puideron facer unha viaxe mental ao pasado.

Ademais, tamén se proxectou no mesmo escenario o documental ‘Madre y maestra. Una vida dedicada a la enseñanza’, de Serafín Trashorras. "Fai un repaso pola vida da nai do autor, que foi mestra rural. Á xente gustoulle moito", asegura Gelucha, quen confirma que esta xuntanza non só quedará para o recordo, senón que contará con máis edicións.

"Antes de terminar a xente xa pensaba na do próximo ano. Non sabemos se seremos os mesmos os que organizaremos todo, pero que se vai facer, seguro", confirman desde a asociación de veciños de San Cosme de Nete, pendentes de buscar unha data na que o tempo acompañe máis e que coincida tamén cunha ponte para que poida vir o maior número posible de persoas. Todo esforzo é pouco para darlle vitalidade a unha parroquia unida xa de por vida a unha escola.

A asociación de veciños de Nete celebrou a súa primeira xuntanza de...
Comentarios