Un artigo escrito por Antonio Riveira, presidente da asociación de Roteiros da Carba, para a revista da asociación de estudos históricos Hume das Pontes serviu de punto de partida para a edición dunha guía divulgativa sobre o roteiro xermadés do Batán de Folgoso.
"É unha ampliación daquel traballo, máis completa e actualizada", precisa Riveira, que detalla que a publicación, editada en pequeno formato para que resulte máis manexable, fai a través das súas páxinas unha descrición do itinerario e recompila os distintos elementos de interese que hai no percorrido.
Así, algúns dos puntos que permite descubrir a senda e que se recollen na guía son o Muíño de Orxás e a súa presa, a planta de luz homónima ou dous batáns, un deles en ruínas e outro recuperado, que é o que lle dá nome ao roteiro e ao lado do que se pode atopar tamén o Muíño de Folgoso. O camiñante descubrirá ademais as antigas carboeiras, en uso nos séculos III ou IV.
Os lugares de Folgoso ou de Buriz, a ponte Saamil, xa en Muras, o Muíño de Vieiro, a planta de luz de Folgoso -tiña unha dinamo movida pola forza da auga coa que primeiramente se levou luz ás casas próximas- e varias árbores centenarias mais especies endémicas complementan os atractivos dun percorrido que ten o seu punto de partida e de chegada na Ponte de Folgoso.
A asociación Roteiros da Carba, que contou co apoio económico da Deputación de Lugo para a publicación desta guía -previamente xa colaboraran con outra sobre a Serra da Carba, da que se levan feito dúas edicións-, fixo unha tirada de 300 exemplares, coa idea de repartilos entre visitantes e diversos colectivos, pero a pandemia freou polo momento a súa difusión.