Domingo. 19.05.2019 |
El tiempo
Domingo. 19.05.2019
El tiempo

A asociación de Cabreiros recupera a súa memoria fotográfica cun libro

Unha antiga imaxe da orquestra Alegría. EP
Unha antiga imaxe da orquestra Alegría. EP

A obra, que se presentará o 27 na escola da parroquia xermadesa tras case tres anos de traballo, recolle 190 imaxes dende 1910 a 1980

A asociación de veciños de Cabreiros, en Xermade, presentará o 27 de abril o libro "Cabreiros no tempo", un traballo que pretende recuperar o pasado a través de antigas fotografías. A cita será ás 11.00 horas na escola.

"Tiñamos a idea de escribir un libro e queriamos unha franxa longa de tempo, retroceder ata a emigración. Pero non queriamos un libro ao uso e sabiamos que teriamos máis información a través da memoria fotográfica", explica Xosé Manuel Felpeto, o presidente do colectivo, que indica que "foi un traballo de case tres anos e «paciencia sibilina".

O libro, que conseguiron publicar grazas a unha axuda de 1.300 euros da Deputación e 200 euros do Concello -o resto financiouse con fondos propios-, recolle a historia dende 1910 ata 1980 e divídese en dez temas: agro, emigración, festas, igrexa, escola, música, fútbol, xente, servizo militar e documentos.

"Fixemos unha primeira proposta e presentamos un DVD con parte das fotos que fomos recompilando e a xente animouse máis ao velas, iso deulle un pistoletazo e continuamos co traballo de campo", di Felpeto, que indica que o seu obxectivo era que "as fotos falaran, e falaron". "Puideron pasar polas nosas mans miles", di. Pero finalmente no libro, que está prologado polo historiador chairego Ramón Villares, publicaron 190.

Todo o proxecto estivo coordinado por Xosé Manuel Felpeto e Suso Rodríguez, man a man con Cándido Díaz, que se encargou do traballo técnico coas fotografías. "Leva feito máis libros noutros concellos", apunta Felpeto, que fala de experiencia e de rigor á hora de recabar a información de cada imaxe. "Pelexamos moito porque non haxa erros", di.

"No plano persoal foi unha aprendizaxe enorme, descubrín moitos detalles da emigración", di o presidente da asociación, que asegura que a intención do proxecto é "que a xente non esqueza e que se reactive o rural, porque isto non morreu, segue vivo", e fala da capacidade das fotografías de "crear sentimentos e sensacións".

"Co resultado estamos encantados", di. Nesta primeira tirada sairán 200 libros pero dende a asociación non descartan publicar unha segunda edición. E entre as fotografías que recolle esta, destacan algunhas como as da desaparecida romaría de Santa María, as procesións, nas que os homes se colocaban nunha fila e as mulleres noutra, ou as da primeira banda de música de Cabreiros que naceu en 1917 e foi semente da orquestra Alegría. "Creo que vai ter moito tirón e que vai gustar", conclúe o presidente.

A asociación de Cabreiros recupera a súa memoria fotográfica cun libro
Comentarios