A asociación Avelino Díaz mantén viva a loita por preservar o legado do autor

A entidade estreou este venres en Lugo os actos polos 125 anos do nacemento do Poeta de Meira
undefined
photo_camera Presentación das actividades dos 125 anos de Avelino Díaz. VICTORIA RODRÍGUEZ

Acadar un Día das Letras Galegas para Avelino Díaz segue a ser o principal obxectivo polo que traballa a asociación homónima, pero mentres agardan a que esa homenaxe que ven máis que merecida sexa unha realidade, quen admira ao Poeta de Meira continúa a traballar para pór en valor a súa figura e a súa escrita -dos seus 1.178 poemas, 851 están inéditos-, nesta ocasión co gallo dos 125 anos do seu nacemento.

"Avelino Díaz non só é a reivindicación dunha asociación local, senón que é a loita para rescatar do olvido a obra dun grande autor, que debería formar parte do patrimonio cultural dos galegos", destacaba a presidenta da entidade na presentación dos actos conmemorativos, celebrada este venres no Pazo de San Marcos, onde tamén incidiu en que "é responsabilidade de todos manter o seu legado".

A secretaria da asociación Avelino Díaz, Isabel Pin, foi a encargada de dar a coñecer a reedición impulsada pola entidade do libro de Marivel Freire -non puido asistir ao acto- "Avelino Díaz: unha voz comprometida na Galicia emigrante", editado orixinalmente en 2002 polas Brigadas en Defensa do Patrimonio Chairego e reimpreso coa colaboración da área de Cultura da Deputación de Lugo.

Pin introduciu ademais unha segunda publicación, Andainas con Avelino Díaz, unha "pequena ruta, pensada para escolares", duns tres quilómetros que percorre "lugares do contorno de Meira cantados por Avelino nas súas poesías", editada co apoio da Institución Libre de Enseñanza e da Fundación Francisco Giner de los Ríos. O 3 de decembro, se o tempo o permite, farase o roteiro guiado a partir das 16.30 horas por estes espazos.

E ese mesmo día, no marco dos actos dos 125 de Avelino, levarase a cabo unha Polavila, unha xornada musical inspirada nas antigas xuntanzas das aldeas, avanzada onte por Azucena Gavín. Ás 19.00 horas haberá pasarrúas por Meira con 9 Ferreñas, o Grupo de Música e de Baile da Pastoriza, A Chocolateira e Os D"Aquí, formacións ás que unha hora máis tarde, no Cabanón da Praza do Convento, se unirán a Banda de Música de Meira e o Coro Pena Gallada.

O fin de festa virá cun concerto da Quenlla ás 23.00 horas, no que o grupo presentará algunhas das pezas que compoñen o disco monográfico dedicado a Avelino Díaz que verá a luz en 2023. Mero Iglesias lembraba onte que el coñeceu a obra de Avelino a través de Neira Vilas e de Anisia Miranda, xa que ela era unha "admiradora absoluta". "Ten poemas preciosos", asegurou Mero sobre "un gran poeta e un home moi intelixente, que se fixo a si mesmo".

Os actos dos 125 anos de Avelino Díaz, cos que colaboran os concellos de Meira e de Riotorto, culminarán o día 10 de decembro co relatorio Como interpretamos a Avelino Díaz? da man do profesor e investigador César Camoira. Será ás 12.00 no salón de plenos de Meira, presentado pola deseñadora Laura Alonso.

Comentarios