A asociación Avelino Díaz segue na loita por divulgar a figura do poeta

Ramón Villares destacouno como un "emigrante convertido en emigrado" con "conciencia cultural e política 

Rexedores de Meira e Riotorto, con Villares e responsables da asociación Avelino Díaz. C.ARIAS
photo_camera Rexedores de Meira e Riotorto, con Villares e responsables da asociación Avelino Díaz. C.ARIAS

"Avelino Díaz era máis coñecido en Arxentina que aquí e con estes anos de traballo e a través de actos como este conseguimos que en Galicia se coñeza a súa figura. O reto para nós é que a intelectualidade se involucre e o dea a coñecer fóra do ámbito local", expresou Federico Cachafeiro, o presidente da asociación Avelino Díaz, que incidiu na importancia de chegar á Real Academia Galega ou ao Consello da Cultura Galega no marco dunha xornada para conmemorar os 121 anos do poeta.

"O Día das Letras Galegas segue a ser o noso reto, pero está algo máis lonxe e non depende de nós directamente", expresou o presidente dun colectivo que prefire marcarse pasos máis pequenos para percorrer o camiño.

"O máis importante agora e publicar toda a obra de Avelino", dixo, mentres botaba a vista atrás para falar do homenaxeado, un home do que sempre se falou na súa casa. "Meu pai, Avelino e Xosé Bieito Abraira, que presidiu a comisión que trouxo de volta a Galicia a Castelao, foron xuntos á clase e sempre estivo presente", apuntou.

Na casa de cultura meirega, varias decenas de persoas participaron nunha xornada cultural que contou co apoio da Deputación e dos concellos de Meira e de Riotorto e que incluíu a proxección dun documental sobre os actos do 120 aniversario de Avelino, actuacións musicais —tocou varias pezas o clarinetista David Rodríguez—, poesía —houbo un recital a cargo de María José Fernández e Xesús Catro Yáñez— e moita historia.

O académico Ramón Villares, expresidente do Consello da Cultura Galega, falou de Avelino como "un exemplo de emigrante que se tranformou en emigrado, con conciencia política e conciencia cultural", que "entrou en contacto cos exiliados", "autor de varios libros" e un home que "fixo un grande esforzo de superación", todo no contexto do seu tempo en Arxentina, como fixo previamente o historiador Miguel Anxo Seixas Seoane.

"A asociación fai un gran traballo, só así se pode recuperar unha figura, e a xornada é a mostra da vitalidade cultural da comarca, e é máis que Avelino, porque permite telo como soporte para moitas actividades", expresou Villares, quen non ve a porta pechada para un Día das Letras Galegas, porque era unha figura destacada no grupo de emigrantes e de exiliados, pero recoñece as dificultades. "A elección é bastante aberta", di.

Comentarios