miércoles. 12.08.2020 |
El tiempo
miércoles. 12.08.2020
El tiempo

O asentamento romano de Coea foi "duradeiro" e coa metalurxia como orixe

Totalidade da área escavada, tralos traballos. ARKAIOS
Totalidade da área escavada, tralos traballos. ARKAIOS
Uns bos resultados farían que esta actividade se consolidara e se lle sumaran usos agrarios, creando unha vila duns 2.000 metros cadrados

Tras 20 días de intervención, os traballos no lugar dos Escouredos, na parroquia de Coea, en Castro de Rei, para tratar de contextualizar os restos de orixe romana que apareceron de forma accidental facendo unha cata para instalar unha torreta eléctrica ofrecen uns resultados "sorprendentes", tal e como recoñeceron os técnicos que fixeron o traballo de campo.

Un asentamento "máis durareiro" do que se imaxinaban nun principio e cunha superficie e actividade maior do previsto son algunhas das conclusións que sacaron a priori, tras facer a intervención, realizada por Naturgy -empresa que ía instalar a liña eléctrica para o parque eólico de Corvelle, na Pastoriza- a instancias de Patrimonio. Aínda así, "queda moito traballo por diante, con moitos datos e achados que estudar e analizar", segundo indicou Manuel Lestón, da firma Arkaios, encargada da escavación.

O propio Lestón recoñece que tiña "unhas altas expectativas" ante o que podía aparecer baixo a terra dos Escouredos. "Despois das dúas sondaxes do ano pasado, de só un metro, que nunha aparecese unha esquina e dous muros dunha estrutura é moita casualidade. É moi raro que o azar te leve a coincidir cunha estrutura desas características", asegura.

As tégulas e restos de cerámica común foron os achados máis abundantes

Tras tres semanas de traballos, estas expectativas foron "amplamente superadas", aínda coa cautela de estar á espera de poder ter os informes e conclusións definitivas. "Pensei que este asentamento ía ser algo puntual relacionado coa metalurxia, pero todo apunta a que foi máis duradeiro. A hipótese, que cunha superficie tan pequena de traballo é difícil concretar, sería que empezou cun traballo metalúrxico, que os resultados foron positivos e se consolidou esa actividade metalúrxica e incluso pasou a ter tamén usos agrarios", apunta Lestón.

Iso explicaría que se formase unha vila romana de grandes dimensións. "Probablemente ocupe máis de 2.000 metros cadrados, e nós traballamos en 40. Extrapolar os datos acadados é moi difícil porque a porcentaxe é mínima de todo. O obxectivo que nos pedía Patrimonio, e que se cumpriu, era contextualizar os restos que apareceron o ano pasado", apunta o arqueólogo.

"Nós en campo vimos as estruturas e traballamos cos materiais para aproximar as datas dos restos, que poderían estar entre os séculos II e IV. A falta de moitas análises e dos datos do xeorradar, as expectativas que hai sobre o que se atopou son moi positivas", sentencia.

Tapar a zona da escavación
Lestón explicou que este luns procederase a tapar a zona de escavación, colocando no fondo un xeotextil como elemento separador. Despois vólvese colocar enriba o sedimento retirado ata recuperar o volume inicial da propiedade. "Desta forma as estruturas están protexidas, o propietario pode facer un uso agrícola desa finca e, se nalgún momento se decide reiniciar a
intervención, sería moi fácil", di.

Futuro
O arqueólogo de Arkaios apuntou que musealizar a superficie na que acaban de traballar é moi difícil porque é algo moi reducido. "É moi pouca superficie nun xacemento moi grande. Agora son as administracións as que teñen que pensar que facer e promover actuacións ben programadas", sinala.

Prospección xeofísica
O estudo premilinar da exploración magnética do terreo —fase previa para ver as zonas de máis potencialidade— xa está listo e apunta a uns resultados moi interesantes. Agora faltan os datos recollidos co xeorradar, moito máis concretos e que poden desvelar a altura dos muros conservados, os distintos niveis de ocupación e outros moitos aspectos.

O asentamento romano de Coea foi "duradeiro" e coa metalurxia como...
Comentarios