Juan José Vázquez Carreira: "O ascenso será un antes e un despois para o club, máis no tema social que no deportivo"

O presidente do Rácing Vilalbés recoñece que pasou por varias fases durante todo o play off, dende ser pouco optimista a ter plena confianza en subir a Segunda RFEF. Agora, co que era só un soño convertido en realidade, asegura que o club fará todo o posible para competir na nova categoría, coa ilusión de chegar ata onde se poida pero sen hipotecar o futuro da entidade
Juan José Vázquez, na recepción oficial en Vilalba. C. PÉREZ
photo_camera Juan José Vázquez, na recepción oficial en Vilalba. C. PÉREZ

Leva só un ano na presidencia do Rácing Vilalbés pero xa conta no seu mandato co maior fito deportivo das nove décadas de historia do club. Pero Juan José Vázquez sabe que este éxito é froito do traballo feito polos directivos que o precederon e está convencido de que o ascenso acabaría chegando.

No día despois dunha fin de semana tan intensa, que sensacións lle deixa todo o vivido?
É difícil, porque aínda non o temos ben asimilado. Nunca se me pasara pola cabeza que o Rácing Vilalbés puidese ascender a esta categoría. Quédame a sensación de que o club fixo un gran traballo desde anos atrás, que non é flor dun día nin mérito da directiva que está agora. Desde que se ascendeu por primeira vez a Terceira División foise pasiño a pasiño, sentando a base, co traballo de todos os que pasaron polo club. Estou convencido de que se non se chega a producir este ano o ascenso, acabariamos conseguíndoo.

Esperaba este final de play off?
Cando soubemos o rival xa vimos que tiñamos posibilidades de ascender. Non é o mesmo que che toque un equipo de Madrid ou Cataluña, que teñen outro nivel. Pero o grupo de La Rioja era máis asequible.

Como viviu a fase de ascenso, con tantos momentos no que o equipo tiña todo en contra?
Recoñezo que na primeira eliminatoria non era moi optimista. Primeiro, porque o Rápido de Bouzas foi o único equipo da parte alta da clasificación que nos gañou na Liga regular. E segundo, porque fomos ao seu campo, artificial, cun gol en contra e eles levaban moitos partidos sen perder. Co Arousa xa o vía doutra maneira, aínda que non nos valía o empate, tiña confianza en que puidesemos pasar porque na Liga alá fixemos un bo partido e na casa gañamos un par de semanas antes.

E a eliminatoria co La Calzada?
Aínda que empatamos aquí, ía completamente convencido de que iamos pasar, malia que o campo era condicionante, polo que se veu na Magdalena. Puidemos levar mellor resultado alá.

Como valora a resposta da afición na fase de ascenso?
Espectacular. Vin xente nos partidos, incluso en Santa Domingo de la Calzada, que nunca na vida vira na Magdalena. E destacaría tamén o bo rollo entre a nosa afición e a do La Calzada. Levo moitos anos no fútbol e nunca vin un comportamento tan extraordinario para un evento da categoría que era esta final. Foron un exemplo do que tiña que ser o deporte en xeral, non só o fútbol.

Cre que se reforzou a relación entre o club e Vilalba?
Creo que o Rácing Vilalbés trascende máis alá do que é o ámbito deportivo e chegou un punto de facer que a vila se enganchase e ter algo que nos identifique. O Rácing é Vilalba e é o equipo dos veciños, tanto se lles gusta o fútbol como se non, e que eles identifiquen o club como algo que é deles é o mellor que pode pasar. E o do ascenso é un antes e despois, non cabe dúbida.

A que se refire?
Ver tantos nenos nos partidos foi algo que nos encheu de ilusión. Para nós é súper importante a base e penso que para o futuro do club o ascenso será un antes e un despois, non digo no tema deportivo, senón no social, que é o que me importa a min. No outro, imos facer todo o posible para culminar este soño.

A resposta da nosa afección foi espectacular e, coa do La Calzada, foron exemplo do que ten que ser o deporte"

Deulle tempo a pensar algo de cara a próxima tempada?
Coincídenos que esta fin de semana temos o torneo de fútbol 8 e a seguinte a gala de final de tempada. Así que ata a segunda quincena de xuño ou a primeira de xullo non podemos empezar a falar da tempada que vén. Ademais, queremos recabar información para saber a que aternos.

Témelle aos requisitos de Segunda RFEF?
Asumimos o ascenso con ilusión e ata onde poidamos chegar. Imos esforzarnos para conseguir o orzamento que é necesario e facer todo que estea na nosa man, todo o posible, pero temos claro que xamais imos hipotecar economicamente o futuro do club. Entendo que haxa algunha esixencia, pero se é unha categoría de fútbol afeccionado penso que no tema do orzamento cada club debe ter o que pode ter. E o tema das fichas profesionais preocúpame, porque pode desfacerche o equipo e sería un hándicap tremendo.

Pretenden seguir unha liña continuista co plantel?
Nós contamos de partida con todo o equipo deste ano. Igual algún non pode por temas laborais ou circunstancias persoais, pero creo que se merecen ese premio de xogar en Segunda RFEF, que para casi todos é novo.

Na recepción na casa do concello, Simón Lamas fixo, medio en broma, o comentario de que non estaba renovado.
Aquí imos ano a ano pero Simón é un home da casa e ben sabe que se el quere vai seguir. Xa lle dixen que neste éxito foi moi importante, pero pode ser que lle veña unha boa oferta doutro lado e non pode coartar o seu futuro profesional por un sentimento.

"Impactoume moito ver aos nenos tan emocionados"

Recibiu moitas felicitacións? Algunha fíxolle especial ilusión?
Felicitáronnos os que nos tiñan que felicitar, a nivel institucional. Pero o que máis me impactou foi o dos nenos. Ver algún que non había quen o consolase, chorando coa emoción, cun sentimento polo Rácing tan profundo, impactoume moito. Así como ver xente como Gerardo Criado, Mundo ou incluso Paco Buyo, con todo o que levará vivido ese home, e a súa muller moi emocionados.

Contamos de entrada con todo o plantel deste ano. E Simón sabe que se el quere, vai seguir"

Algunha anécdota confesable da fase de ascenso?
No último partido, non puiden recoller o detalle que o presidente do La Calzada nos ía dar de parte do Concello por un malentendido. Estaba na porta para dar unhas entradas que tiña reservadas e díxome que cando acabase alí que "ya vas para allí", que era a zona por onde saían os xogadores, pero eu fun ao palco. No momento do acto chamáronme e estaba na grada oposta e ao ver que non aparecía prestouse Charly —outro directivo do Vilalbés— para collelo e eu quedei a medio camiño dentro do campo.

Comentarios