As cousas de Pepe de Pígara

A Casa Barxa de Guitiriz acolle ata o 31 de agosto una selección de obxectos antigos da ampla colección que José Grandío foi xuntando co paso dos anos

Pepe de Pígara, na exposición. JOSE M. SALGADO
photo_camera Pepe de Pígara, na exposición. JOSE M. SALGADO

Un modelo antigo descapotable estacionou diante da Casa Barxa de Guitiriz. Quizais un veraneante? Un turista disposto a mercar unha torta de millo ou tomar un café? Nada máis lonxe da realidade. Do vehículo clásico apeábanse a alcaldesa de Guitiriz e o dono do mesmo, José Grandío. E o motivo do vistoso paseo non era outro que a inauguración da exposición Cousas de Pepe de Pígara.

No primeiro andar da Casa Barxa pódese ver por primeira vez, e ata o 31 de agosto, unha selección de obxectos da colección particular de Grandío, quen leva décadas xuntando diversos obxectos de todo tipo que forman parte e axudan a entender a historia dos últimos 150 anos.

Esta é a primeira mostra deste guitiricense, a quen lle gustaría crear coas súas pezas un museo ou unha exposición permanente

"Faime moita ilusión esta exposición", explica Pepe de Pígara, que con esta mostra promovida dende o Concello coa colaboración da Deputación de Lugo se ve un pouco máis preto de acadar o seu soño, contar cun espazo para "dar a coñecer estas cousas, porque gardadas na casa non as ve ninguén".

"Quería facer un museo ou unha exposición permanente, pero alí na casa non teño sitio", recoñece. E é moito o que ten para ver, como proba a pequena escolma que enche a Casa Barxa, centrada naqueles aparellos que trouxeron consigo os albores da revolución tecnolóxica e significaron un cambio de vida sen volta atrás.

Pero entre radios, gramófonos, cámaras de fotos, unha moto e un ciclomotor dos anos 50 ou taladros hai outro sen fin de obxectos que se remontan moitos anos atrás, coma unha máquina de coser de 1860 ou unha picadora de toxos «moi caseira» atopada en Belesar (Vilalba) e restaurada por el mesmo.

Pepe non só colecciona obxectos, senón que que os restaura e mesmo fabrica as partes perdidas

Porque esa é unha das grandes virtudes de Pepe, quen dende a súa xubilación, hai xa doce anos, volveu para a súa aldea e conta con máis tempo para dedicarllo á súa paixón. El non só colecciona, senón que pode pasar horas e horas convertido en costureiro, carpinteiro ou soldador, tratando de devolverlle o seu esplendor a vellos obxectos, facendo pezas a medida, buscando materiais que encaixen ou descubrindo a súa utilidade.

E ás veces, o misteiro perdura, como acontece cunha sorte de fornelo de gas, de estraña forma e utilidade descoñecida. "Hai cousas que me rompen a cabeza", confesa Pepe de Pígara, que bota a vista atrás para lembrar aquel primeiro obxecto que lle deu que pensar, un fragmento dun reloxo de sol que atopou en 1963, o desencadeante que o levou a botar "toda a vida xuntando".

Comentarios