sábado. 19.09.2020 |
El tiempo
sábado. 19.09.2020
El tiempo

A artista vilalbesa do grafito

Irene Vidal, artista vilalbesa. EP
Irene Vidal, artista vilalbesa. EP
Irene Vidal, asentada dende 2012 na costa sur de Cornualles, vén de ilustrar unha obra sobre o poeta Charles Causley, un proxecto no que estivo traballando durante dous anos

Irene Vidal Cal chegou a Falmouth en setembro de 2012 para estudar un máster en Ilustración. Hoxe, a moza chairega licenciada en Belas Artes continúa asentada na costa sur de Cornualles, en Inglaterra, onde vén de presentar un proxecto ao que lle dedicou os últimos dous anos.

A vilalbesa foi a encargada de ilustrar o libro ‘Charles Causley: A Portrait of the Poet’, un exemplar financiado polo Arts Council England e outras organizacións, que fala da vida e da obra deste poeta nacido na vila de Launceston.

"A fundación Charles Causley Trust estaba a buscar editoriais na zona. Atlantic Press foi unha das seleccionadas. O seu director, que é veciño de Launceston, coñeceu a Charles Causley e sempre tivo moita admiración por el, pensou en que os meus debuxos a grafito poderían representar ben ao poeta e invitoume a participar no proxecto", explica Irene, que empezou rapidamente a traballar investigando e facendo os primeiros bosquexos.

Para empaparse de todo o mundo do poeta, a vilalbesa tivo a sorte de participar nunha residencia na súa propia casa. "Pasei días a debuxar, fotografar e observar as pertenzas de Causley e a súa vila. Ata escoitei a súa colección de discos de vinilo!", conta emocionada Irene, mentres explica que todas as ilustracións que aparecen no libro "foron creadas na súa casa ou ben no meu estudio a partir de fotografías tomadas durante a residencia".

A moza, que expuxo os seus traballos en múltiples galerías, creou as ilustracións na casa do poeta e no seu propio estudio

"A casa é moi escura, de aí os tonos densos de grafito en cada ilustración", conta a moza, quen recoñece que a selección "foi moi difícil". "Causley tiña unha gran colección de souvenirs e todo tipo de obxectos estraños que adquiriu durante as súas viaxes polo mundo. Os obxectos que decidín representar foron aqueles que me fixeron preguntarme: ‘Por que decidiría Causley gardar tal cousa?’".

O resultado foi un éxito. Aínda que esta era a primeira vez que a artista vilalbesa colaboraba coa fundación Charles Causley, non descarta que haxa máis oportunidades "porque eles quedaron moi contentos coa publicación", confirma Irene, quen recorda con moita ilusión a posta de longo do libro.

"A noite foi moi especial. Ademais de amizades e admiradores de Causley, contamos coa presenza do grupo de poesía de Falmouth e de estudantes da universidade. A presentación comezou cunhas palabras sobre a publicación, seguidas dun pequeno recital de poesía que achegou a súa poesía a aqueles que non a coñecían. Ademais, escoitamos as súas cancións favoritas e presentei os meus debuxos orixinais na galería", explica a moza vilalbesa, quen xa pensa nos seus seguintes proxectos.

"A curto prazo estou a traballar en comisións para outros libros e a longo prazo gustaríame autoeditar unha nova publicación sobre a poética política, un tema no que levo traballando máis de cinco anos", conta a ilustradora, quen xa tivo ocasión de expoñer os seus traballos en varias galerías, dende Santiago de Compostela a Ferrol, pasando por Nottingham ou Londres, onde deixou a súa pegada na APT Gallery, en Guest Projects ou en Dalla Rosa Gallery.

Polo momento a moza vilalbesa non pensa en regresar, senón que seguirá traballando lonxe para facerse un nome no mundo da ilustración. Faráo botando de menos "a familia e as amizades", recoñece con morriña a artista do grafito, á que tamén lle tarda "falar galego todos os días!".

A artista vilalbesa do grafito
Comentarios