Arte urbana e infantil no Festival de Pardiñas

O Campo da Feira de Guitiriz acolleu o espectáculo de Paco Nogueiras, proxección de curtas, entrega de premios e concertos
undefined
photo_camera Actuación de Paco Nogueiras, T. FORJA

O universo do Festival de Pardiñas, organizado pola asociación cultural Xermolos, acolle baixo o seu manto a toda a multitude, por moi diversa que sexa. O sábado logrou mesturar a arte da rúa do Urban Witiricus, coa homenaxe aos nenos e nenas e coa reivindicación da figura de Xela Arias.

A xornada comezou co espectáculo infantil de Paco Nogueira, quen logrou ateigar o Campo da Feira de Guitiriz. Baixo o título de 'Brinca vai', fixo que os máis pequenos da casa cantaran, berraran e participaran con el.

Logo foi o turno das proxeccións, convertendo o espazo nun cine de verán onde os atentos espectadores puideron desfrutar das curtas premiadas por Xermolos. Entre elas 'Días contados', onde se narra parte da historia recente de Guitiriz, realizada polos alumnos de 4º da Eso do IES Poeta Díaz Castro, ou 'Vida infinita', dedicada ao número Pi, dos alumnos de 2º da Eso do IES Milladoiro.

undefined

A tarde de onte tamén foi un espazo de reivindicación e de homenaxe a Xela Arias, autora á que se lle dedicou o Día das Letras Galegas este ano. "Dende moi nova apostou polo noso, pola cultura, pola fala, pola arte. Foi rompedora e buscou novos horizontes na creatividade", afirmou Alfonso Blanco da asociación Xermolos, para logo dar paso a Sonia Vila, que recitou dous poemas da autora de Sarria, 'Tigres como cabalos' e 'Denuncia do equilibrio'.

Non foron os únicos que se escoitaron, o poeta Xoán Xosé Fernández Abella quixo tamén compartir co público guitiricense os versos que escribiu en recordo a Xela Arias cando faleceu.

No acto estiveron presentes Amparo Castaño e Darío Gil, nai e fillo da autora de Sarria, así como amigos da familia. Todos eles, xunto con Alfonso Blanco e a alcaldesa Marisol Morandeira entregaron os premios do XLII Certame Terra Chá de Creación Infantil e Xuvenil que obsequiaron cun lote de libros a decenas de nenos e mozos en recoñecemento ao seu esforzo e á súa creatividade.

undefined

Coa caída da noite, tocoulle o turno ao Urban Witiricus que fixo vibrar o chan do Campo da Feira de Guitiriz co flow da viguesa High Paw e o artista local Sabino. Os cantantes urbanos presentaron os seus temas que non deixaron indiferente a ningún dos asistentes. O Urban Witiricus, que vai xa pola súa cuarta edición, non puido celebrar onte os habituais obradoiros de graffiti por motivos alleos á organización.

Fin de festa. Todo o bo chega ao seu fin, e o do Festival de Pardiñas é este domingo, clausurando así as actividades desta cuadraxésima segunda edición. O adeus faise no escenario orixinal do festival, Pardiñas, que acollerá un pasaaldeas polos seus barrios e un vermú na escola do lugar. A nota musical poñerana Os Carunchos.

Comentarios