Arte promocional do rural

A deseñadora gráfica Marta Dourado Ferreiro colabora dende hai anos coa asociación de San Cosme de Nete elaborando carteis ou na montaxe de diversas exposicións fotográficas
Marta Dourado. TANIA PENOUCOS
photo_camera Marta Dourado. TANIA PENOUCOS

Naceu na Coruña, pero as súas raíces vilalbesas levaron a Marta Dourado Ferreiro a asentarse en 2011 na parroquia de Oleiros cando se matriculou na Escola de Arte Ramón Falcón de Lugo, un centro onde cumpriu un soño de nena ao completar os seus estudos de Deseño Gráfico.

"A verdade é que sempre me gustou o arte. Facía manualidades e debuxos dende pequena", explica Marta, quen pese a esa paixón decantouse por estudar o bacherelato de Ciencias da Saúde. As voltas hacia o mundo artístico viñeron despois.

"Como me daba un pouco de medo non poder superar o exame de acceso á escola de arte, primeiro fixen o ciclo superior de Desenvolvemento de Aplicacións Multiplataforma", relata a moza, quen despois de facer as prácticas matriculouse nunha academia na Coruña para preparar o exame de acceso.

"Aprobei á primeira", recorda cun sorriso Marta, que aínda que non puido acceder á escola na súa cidade natal veu encantada para Lugo.

Actualmente ten un contrato en prácticas na Deputación de Lugo e o blog Marta Dou Fe, no que mostra os seus traballos

Así, pouco a pouco foi creando lazos de amizade e comezou a colaborar estreitamente coa asociación de veciños de San Cosme de Nete. "Os meus avós xa eran socios e eu fíxenme en canto cumprín os 18", conta Marta, quen xa deseñou carteis para o festival benéfico que organiza a entidade, elaborou varias exposición fotográficas —a última coincidindo coa celebración dunha xuntanza de escolares— e participou na confección do calendario anual e do agasallo que entrega a asociación polo Nadal.

"Fago cousas que eles terían que pagar por elas. A min non me custa nada, gústame o meu traballo e no que poida axudar, sempre vou estar aí", di Marta, quen aposta pola necesidade de "darlle valor ao rural". "A asociación de Nete fai un labor moi importante cos nenos e os maiores. Entre todos temos que tirar do carro", engade a moza, que actualmente ten un contrato en prácticas na Deputación Provincial de Lugo como deseñadora gráfica.

Ademais, conta tamén co seu propio blog —martadoufe.wordpress.com— onde mostra algúns dos seus traballos. Deseños e fotografías unidas para darlle visibilidade á xente que traballa arreo polo seu. Polo rural.

Comentarios