Arte grafiteira para dar vida aos muros

Dende pequenos, Marcos Pereira, Rubén Moledo e Pablo Lage tiveron claro que o seu era crear letras e debuxos que non deixaran a ninguén indiferente. Co tempo, convertiron o seu soño nunha aposta de futuro laboral.

Grafiti de Rubén Moledo no Buriz, en Guitiriz. C.PÉREZ
photo_camera Grafiti de Rubén Moledo no Buriz, en Guitiriz. C.PÉREZ

Taki 183 foi un dos primeiros, pola década dos 70. Despois chegaron Cliff 159, Keith Haring, o italiano Blu ou o máis famoso de todos: Banksy.

Todos eles grafiteiros, adicados a outorgarlle vida aos muros das cidades spray en man e, aínda que no pasado os rodease un halo de ilegalidade e anonimato, hoxe en día a imaxe deste colectivo está mudando no imaxinario da sociedade. "A mente da xente estase abrindo porque se acostuman a velo e ao final acéptano, aínda que nas cidades está moito máis xeralizado", explica Marcos Pereira, natural de Castro de Rei aínda que residente na capital luguesa, e un dos fundadores de Concepto Circo.

A mente da xente estase abrindo porque se acostuman a ver murais e, ao final, acéptano aínda que nas cidades está máis xeralizado, comenta Marcos Pereira


No ano 2006 botou a andar unha firma debaixo da cal estaban el mesmo e Manuel Pallín, entre algúns outros como Pablo Lage. Con Pallín segue a traballar conxuntamente, o que os levou a pintar en Bilbao, Pamplona "e case todo o norte de España", mentres que en solitario algúns dos seus destinos foron Málaga, Torremolinos ou Guadalajara, logo de comprobar que había un nicho de mercado que se podía cubrir coa experiencia de anos ligado ao grafiti.

Grafiti de Concepto Circo na vilalbesa rúa Basanta Silva. S. IGLESIA

Marcos foi deses mozos que dende pequeno sentiu a chamada da pintura e non a deixou de lado. Igual que Rubén Moledo, das Pontes, que o descubriu, di, "escoitando rap e, en concreto, coa revista Hip Hop Nation. Tiña sobre doce ou 13 anos". Este grafiteiro, hostaleiro e pintor de automóbiles recorda os seus primeiros pasos nunha afección que se convertiu no seu traballo. "Tiña un mapa no que marcaba os muros que quería pintar, levábao ao concello para que me autorizasen, pero a verdade é que non me facían moito caso", ri mentres o conta. Foron uns inicios nos que a súa primeira pintura, en 2003 "ma pagaron cunha bicicleta", relata Moledo. Hoxe en día as súas letras son das máis reclamadas da zona.

Tanto Marcos coma Rubén iniciáronse na súa paixón grafiteira sendo pequenos. Este último con 'doce ou 13 anos', tal e como el mesmo responde

As obras que xa leva plasmadas nas paredes son incontables, tanto das Pontes como de fóra do municipio. Ao preguntarlle por algunha en concreto, non para moito a pensalo. "Unha que fixen nunha casa do Buriz, en Guitiriz, gustoume moito —a imaxe da portada—. Coa axuda de fotos foi collendo forma o fondo —a paisaxe da zona— e a egua de raza árabe do cliente. Para iso sempre conto coa colaboración de Javi Balseiro, outro rapaz das Pontes que me fai as montaxes, os deseños e os bosquexos", vai contando Rubén con certo orgullo nas súas palabras. "Non foi fácil. Tardei sobre un mes en acabar o grafiti, porque no medio dos traballos houbo temporal e faciase complicado pintar. Con todo, mereceu a pena. Cando acabei e vin a cara que poñía o dono da casa, Manuel Calvo, cos ollos moi abertos e sorrindo... Son detalles que enchen".

Rubén Moledo cunha das súas últimas creacións. EP

Na parte negativa da conversa lamenta que aínda queden restos da idea errónea de que un grafiti é unha pintada. Recalca que "unha pintada é estragar e os grafitis son arte e o que é arte non pode ser un delito. O problema é que hai xente que non lle ve o valor e pensan que traballamos gratis".

O pontés Rubén Moledo di que 'unha pintada é estragar e os graffitis son arte e o que é arte non pode ser delito'

Pola súa parte, Pablo Lage Sanjurjo, máis coñecido como Van-Kraft, é dos que defenden a rama máis pura da arte grafiteira. "Sinto que fago grafiti cando quedo cos meus amigos e nos poñemos a pintar co spray. Os encargos son diferentes, máis personalizados", explica este mozo lucense con raíces vilalbesas. 

Na capital chairega locen algúns dos seus murais, como no estadio Roca onde homenaxeou ao xogador do Vilalbés, Jorge Tato, na queixería Prestes ou no Hospital Asilo, un dos máis recentes. Tamén colabora, dende fai "uns cinco anos", coa organización do Resurrection Fest na decoración do festival, dos que Van-Kraft destaca "a liberdade que me dan á hora de traballar".

Van-Kraft xunto co súa obra na queixería Prestes. EP

A súa paixón debe compaxinala coa profesión de deseñador gráfico que desenvolve en Gijón. A cidade, xunto con Burela e Vilalba, aparece dentro dos seus proxectos futuros, os cales non lle faltan.

El mesmo recoñece que para iso "o máis importante é o boca a boca. O 95% dos clientes quedan moi contentos e repiten ou me recomendan aos seus coñecidos". E non é para menos, xa que como el di, "procuro superarme a min mesmo en cada traballo. A mellor obra sempre está por facer". Dende os primeiros grafitis que facían, cando se estilaba o de ‘a escondidas’, pasaron por diferentes estilos.

Van-Kraft destaca a importancia do 'boca a boca. O 95% dos clientes quedan contentos e acaban repetindo ou recomendándote'

"Un proceso lento", como o califica Marcos Pereira, que converte a mozos afeccionados aos sprays en artistas remunerados. Rubén incide no sentimento que hai entre o colectivo, "respetámonos, somos coma unha familia". O seu fogar constrúese en paredes que agardan por un toque de cor.

Proxectos para alentar a arte urbana
Nas Pontes celébrase dende fai dous anos o Freshquiño Jam e para outubro terá lugar a segunda edición do As Pontes EnPezas. Guitiriz puxo en marcha o pasado 7 de xullo o Urban Witiricus, mentres que Vilalba acolle o Mercado do Alboio que agarda pola súa terceira convocatoria.

Comentarios