Arraigados na interpretación

O grupo de teatro Os Baluros conmemora medio século de actuacións e recordos do drama
Sobre estas liñas, Os Baluros nunha das súas primeiras actuacións. Á dereita, nunha actuación recente. EP
photo_camera Sobre estas liñas, Os Baluros nunha das súas primeiras actuacións. Á dereita, nunha actuación recente. EP

O AMOR AO TEATRO é o símbolo máis distintivo de Os Baluros, e eles mesmos o confesan así. Entre bromas e gargalladas algún ata asegura quererlle máis ao arte de interpretar que á súa compañeira de vida.

Ese compromiso por sacar adiante o grupo é compartido por todos os integrantes que ademais de equipo son amigos, deses que gastan bromas pero saben porse serios para tomar decisións importantes. Pois son eles mesmos os encargados de xestionar o grupo, algo que levan "como se dun matrimonio se tratase", buscando sempre o consenso.

Viven nesta situación dende o ano 2017, cando o seu director, Xosé Manuel Carballo, faleceu. Del gardan un recordo moi especial e sinálano cando son preguntados pola clave para manter vivo un grupo de teatro durante 50 anos. "Era un home con influencia que sempre buscaba saída", apunta Antonio Carballés, actor de Os Baluros dende os seus inicios, coma Julio Canto, que se apresura a confirmar que "foi a persoa decisiva para formar Os Baluros".

"Pero antes de ser Baluros fomos o Grupo de Teatro do Teleclub", puntualiza Julio Pita, tamén membro dos Baluros. E así, no ano 1969 naceu en Castro de Rei o precedente dos Baluros, impulsado por persoas que por aquel entón tiñan un peso destacado dentro da sociedade. Foron Gonzalo Quiroga, cura da parroquia, e Olga Vila, mestra da escola unitaria, os que escolleron o teatro para dotar á vila dalgunha actividade cultural.

"Era o máis barato", coinciden Carballés, Pita e Canto. A falta de recursos económicos no albor dos anos 70 alonxou as posibilidades de formar un grupo de música tradicional, o que converteu á arte dramática na opción máis alcanzable. Esa resolución levou aos Baluros a coñecer as entrañas do teatro e a descubrir unha arte que os namorou.

Quedaron presos a un amor que ademais de forte é duradeiro.Tanto, que o grupo celebra este verán 50 anos de teatro. Unha cita especial, adiada pola pandemia, na que o grupo decidiu organizar un certame de teatro afeccionado, pois atopou nesta iniciativa a forma de achegar o teatro ao pobo, do que esperan unha boa acollida, porque "a xente sabe o que hai".

Atrévense incluso a facer unha estimación e agardan como mínimo que arredor de 80 persoas pasen polo centro cultural Xosé Manuel Carballo. Un espazo que tamén empregan para ensaiar e discutir cal é a mellor forma de darlle vida real aos personaxes. Porque para eles o máis importante é imaxinar ben a súa obra, para que os espectadores poidan recrear na súa cabeza unha realidade que eles lles contan coa interpretación.

Neste certame no que o bo teatro está asegurado, as risas tamén, pois só intercambiar un par de verbas cos Baluros é suficiente para coñecer o seu bo humor. Pero tamén para saber que botan de menos un relevo xeracional que lles permita baixar do escenario sabendo que outros continuarán a vida dos seus ben queridos personaxes.

Os dez integrantes do grupo, cunha idade media de 60 anos, senten nostalxia por unha mocidade que herde o seu amor polo teatro. Unha nova xeración que enraíce nunha arte que a eles lles permitiu vivir centos de experiencias, coñecer mundo e ter un motivo polo que seguir adiante: manterse unidos.

As distintas etapas do grupo de teatro
A compañía Os Baluros constitúese no ano 1976 como unha escisión do grupo de teatro e foi recuperado no 2011 logo de varias décadas sen actividade.

Obras orixinais
O menciñeiro á forza, obra que interpretarán Os Baluros no certame, está escrita por Carballo a partir da obra orixinal ‘El médico a palos’ de Molière.

Viaxes por España
Os Baluros actuou por toda Galicia pero tamén en cidades como Madrid, Hospitalet e Barcelona.

Post pandemia
A comezos deste ano o grupo recuperou a súa actividade habitual logo de dous anos de parón.

 

Abrente de As Nogais abre o 30 certame de teatro afeccionado con dobre actuación

Para celebrar o seu longo percorrido pola arte dramática Os Baluros organiza un certame de teatro no que actuarán grupos teatrais de diversas localidades.

O vindeiro sábado, para comezar, desprazaranse ata o centro cultural Xosé Manuel Carballo os membros do grupo de teatro Abrente de As Nogais con A análise de sangue e Vivir dignamente no rural.

O sábado 6 de agosto, o grupo Quemaisten de As Pontes representará a obra Sainetes ás 20.30 horas. Este horario manterase durante todas as xornadas.

Para continuar co certame, o sábado 13 de agosto chegará desde Burela o grupo O Torques coa obra O Randiña. Sete días despois, o 20 de agosto, serán os protagonistas Remocicarte, que se desprazan dende Puerto Vega (Asturias) e interpretarán El crédito.

Os encargados de pechar a celebración serán o propio Os Baluros, coa representación de O menciñeiro á forza.

Comentarios